Destrución de hospitais e escolas

Máis de 25.000 saharauís fican sen haimas e casas de adobe polas chuvias torrenciais

Os fortes refachos de vento e as chuvias torrenciais que caeron os días 17 e 18 de outubro nos campamentos en que viven as persoas refuxiadas saharauís provocaron graves inundacións e a destrución de haimas e construcións de adobe.

[Imaxe: SOGAPS]
photo_camera [Imaxe: SOGAPS]

Máis de 25.000 saharauís ficaron sen “casa” (sen haimas -tendas de campaña- e sen construcións de adobe debido ás inundacións provocadas polas intensas chuvias e o vento que azoutou os campamentos o pasado 17 e 18 de outubro, especialmente Auserd e Dajla, as wilayas máis prexudicadas. En total, hai máis de 90.000 persoas afectadas.

Aínda que non hai perdas humanas, os danos materiais foron cuantiosos, tal e como explica a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que cita fontes da Media Lúa Vermella Saharauí (MLRS). Entre os equipamentos destruídos atópanse escolas, lugares de traballo e centros médicos.

Unha comisión de urxencia da que forman parte organizacións como ACNUR, PAM, UNICEF, CRA, OXFAM, CISP e a MLRS está a prestarlles axuda inmediata aos milleiros de persoas damnificadas. ACNUR vén de explicar que o máis importante é a reconstrución das letrinas e o arranxo da rede de distribución de auga potábel para evitar doenzas relacionadas coa auga contaminada.

 Dada a gravidade da situación, a Media Lúa Vermella Saharauí fai un chamamento para as persoas que poidan realizar achegas económicas á conta ES84-0081-0655-63-000135140.

Máis en Mundo
Comentarios