A maior pasteira portuguesa xa meteu un pé en Galiza: 500 hectáreas arrendadas para eucalipto

Comerciais de Navigator procuran máis terreos no noso país para cultivar esta especie, cuxa plantación está prohibida en Portugal até 2030. A empresa anuncia que esa política obrígalle a recorrer a Galiza,: “Iremos mais, está mais perto e fica mais barato”.

[Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos
photo_camera [Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos

The Navigator Company (antiga Portucel), a principal pasteira de Portugal, xa materializou o seu anuncio de que ía desembarcar en Galiza para cultivar eucalipto. Unha manobra coa que superar o escenario que se lle formulou a esta empresa coa prohibición decretada polo goberno de Portugal até 2030 na platanción de eucalipto. Se aquí non se pode, deberon matinar en Navigator, pasemos o Miño a un territorio onde non hai problema algún para esta especie.

Navigator xa adquiriu en Galiza 500 hectáreas arrendadas para cultivar eucalipto. E posúe “dois a três comerciais a angariar hectares adicionais”, sinálase en Jornal dos Negocios citando unha recente entrevista en Expresso a Castello Branco, na ponte de mando de Navigator e presidente de Semapa (da que fai parte a pasteira). No obxectivo, engrosar esas primeiras hectáreas en mil máis.

"Estamos ativamente à procura de terras em Espanha para cultivar eucalipto e para suprir as necessidades que não podemos satisfazer em Portugal. Temos 500 hectares arrendados já em Espanha e dois a três comerciais a angariar hectares adicionais, temos mais 1000 no pipeline".

"Se a política florestal que está em vigor em Portugal continuar não temos outro remédio senão importar mais. Iremos mais para Espanha porque está mais perto e fica mais barato, mas acredito que também continuaremos a ter de incrementar a percentagem que vem da América Latina", manifesta Castello Branco.

O primeiro paso foi facerse con 500 hectáteas en Galiza, unha superficie modesta (erquivale dúas veces o tamaño do concello máis pequeno do país: Mondariz Balneario; ou similar á extensión do de Rairiz de Veiga) mais que é só un inicio.

A inicios de 2017 o goberno portugués anunciaba a súa intención de aprobar unha lexislación para fixar unha moratoria para o eucalipto, especie que ocupa 26% da superficie forestal portuguesa: 811.000 hectáreas plantadas con esta especie no país veciño, 100.000 máis que hai dúas décadas. Os graves incendios destes anos, con ducias de persoas falecidas e miles de hectáreas arrasadas, levaron ao executivo luso a querer poñer couto a esta especie. En febreiro de 2018, entraba en vigor a lei que fixaba que até 2030 non se pode plantar eucalipto en Portugal.

A decisión provocou o rexeitamento frontal de sectores como a industria pasteira, cun peso importante en Portugal, mais non só dela. En novembro pasado máis dun cento de entidades e personalidades —entre as que se achan compañías papeleiras, empresas pasteiras, a Confederação dos Agricultores de Portugal (CAP), concellos como os de Aveiro e Setúbal, e vários ex ministros— asinaban un manifesto na defensa da importancia do eucalipto.

Comentarios