CO BARRIL A 48 DóLARES, A OPOSICIÓN VISA DERRUBAR O GOBERNO DO PSUV

Maduro acusa os EUA de xogar cos prezos do petróleo para destruír Venezuela e Rusia

O barril brent chegou aos 48 dólares, unha queda de practicamente o 50%.

maduro
photo_camera Maduro, nun mitin


Maduro sinala os Estados Unidos como responsábeis da queda do petróleo ao aplicar métodos de extración de crú -o fracking, de altísimo impacto ecolóxico- que están a afundir as cotizacións e a provocar serios problemas en economías altamente dependentes da exportación desta fonte de enerxía.

O presidente de Venezuela acha que coa guerra do petróleo Washington persegue destruír Venezuela e Rusia.

Desvelou Maduro que o plan de Washington consiste en “inundar o mercado petroleiro inxectando petróleo producido por un método de destrución natural, o método do fracking”

“No mes de setembro o barril estaba a 95 dólares, e agora, 29 de decembro, está a 48, baixou case 50 dólares”, afirmou esta segunda feira nunha reunión con empresarios do sector agrícola en Caracas.

Para o líder venezuelano, “hai unha guerra planificada estratexicamente con tempo para destruír Rusia” e que tamén visa “destruír Venezuela. A Administración Obama tenta “recolonizar” o país bolivariano, acabar coa súa “revolución” e procurar o seu “colapso económico”.

Desvelou Maduro que o plan de Washington consiste en “inundar o mercado petroleiro inxectando petróleo producido por un método de destrución natural, o método do fracking”. O sucesor de Hugo Chávez sostén que o proprio Obama ten admitido nos seus círculos máis próximos que “todo se ten feito para quebrar o presidente de Rusia, para quebrar a Federación rusa”.

A dependencia de Venezuela do petróleo é enorme. Estamos a falar do quinto exportador mundial de crú, vendedor de 2,5 millóns de barrís de petróleo diarios, dirixidos na súa maior parte a China e aos EUA.

Recortes inevitábeis

O 90% das divisas que recebe Venezuela e a metade dos ingresos do orzamento nacional veñen do petróleo.

O orzamento estatal de Venezuela para 2015 estimaba que o barril estaría nos 60 dólares. A queda até os 48 obrigará o Goberno Maduro a introducir recortes. A oposición promovida e financiada por Washington apréstase a encirrar as contradicións sociais e procurar o derrubamento do Partido Socialista Unido de Venezuela no goberno.

Comentarios