ERREJóN DEFENDE "NACIONALIZAR A CAMPAñA"

As presións de Madrid levan a Podemos Nafarroa a renunciar á consulta sobre Euskadi

No rascuño do programa eleitoral da formación emerxente figuraba como proposta a realización dunha consulta popular para decidir a re-integración de Nafarroa en Euskal Herria. A dirección central de Podemos vetou esa iniciativa, que desaparece finalmente do programa con que a organización de Pablo Iglesias concorrerá nas autonómicas do 24M.

Iñigo Errejón
photo_camera Foto tirada de @ahora_podemos

Nova batalla entre a dirección central de Podemos, conducida polo número 2 da organización, Íñigo Errejón, e os órgaos territoriais do partido, desta volta a de Nafarroa. E nova demostración de que a equipa de Iglesias quer gobernar a formación desde Madrid con man de ferro.

Podemos-Nafarroa propuña, no rascuño inicial do seu programa eleitoral para as eleccións autonómicas do 24M, a realización dunha consulta popular para determinar se Nafarroa se unificaba politicamente con Euskadi, a vella aspiración de todos os movimentos políticos abertzales (a reunificación dun país dividido entre dous Estados e, dentro do español, entre dúas comunidades autónomas).

A cuestión da eventual reunificación con Euskadi está lonxe de suscitar un consenso na formación de Pablo Iglesias en Nafarroa, dividida entre sensibilidades máis ou menos estatalistas ou máis ou menos simpatizantes do nacionalismo. A propia secretaria xeral de Podemos e candidata o 24M, Laura Pérez, declarou que o asunto non é prioritario, se ben o seu discurso estaba encamiñado a desacralizar o debate e a normalizar a hipótese dunha consulta para decidir a integración ou non con Euskadi.

O núcleo arredor de Pablo Iglesias -Errejón e Monedero nomeadamente- teñen moi claro que non se pode facer ningunha concesión ao nacionalismo se se tenciona o sorpasso aos de Pedro Sánchez

Así, Pérez defendía un "debate sosegado sobre que tipo de relacións se queren estabelecer coa comunidade autónoma vasca, que teñen de ser xa normalizadas".

No rascuño do programa, Podemos Nafarroa advogaba por abrir un "proceso constituínte" que permitise ás cidadás e aos cidadáns exerceren o seu "dereito a decidir" sobre a institucionalización de "Nafarroa en Euskal Herria".

Mais isto non gostou nada en Madrid. A dirección central sabe que titulares do tipo "Podemos, a favor da anexión de Nafarroa por Euskal Herria" minguarían considerabelmente as súas opcións no seu asalto ao PSOE como primeira forza da esquerda no Estado. O núcleo arredor de Pablo Iglesias -Errejón e Monedero nomeadamente- teñen moi claro que non se pode facer ningunha concesión ao nacionalismo se se tenciona o sorpasso aos de Pedro Sánchez. Nese sentido, cumpriría inserirmos as recentes declaracións de Monedero en Catalunya sobre a permanencia de España durante 5 séculos.

Presións intensas

As presións da dirección central de Podemos sobre a súa organización navarra foron moi intensas. O número 2, Íñigo Errejón, manifestou ao respeito: "Entre un programa [o estatal] e o outro [o territorial] non pode haber contradicións. Imos velar polo diálogo cos compañeiros doutras comunidades autónomas para que estexan engrasadas [as relacións] e sexan coherentes porque temos que falar co mesmo ton e levar as mesmas propostas en todos os territorios".

E foi alén diso ao engadir: "Non imos enarborar as identidades dun sitio ou doutro para enfrentar os cidadáns entre si, senón a recuperar os direitos colectivos. O problema é ter perdido o control dos direitos, algo que entende pouco de rexións".

A españolización da campaña é a consecuencia inevitábel deste discurso. Por se houbese dúbidas ao respeito, Errejón acrecenta a intención de Podemos de rachar coa "dinámica cantonalista ou de rexionalización estrema que di que os problemas hai que abordalos de maneira aillada cando nós entendemos que se pode chegar a acordos".

"Nacionalizar a campaña é unha decisión estratéxica, mais tamén ética", di Íñigo Errejón

Na presentación da campaña eleitoral para todo o Estado, que se realizará baixo o lema xenérico "É agora", Podemos pretende, dixo Errejón, "nacionalizar a campaña", para evitar o "confronto das comunidades autónomas entre si".

"Nacionalizar a campaña é unha decisión estratéxica, mais tamén ética", dixo en conferencia de imprensa a pasada sexta feira Iñigo Errejón.

As diretrices de Madrid acabaron por seren asumidas pola organización navarra de Podemos que, tamén a sexta feira, decidiu retirar do seu rascuño de programa a proposta de referendo sobre a reunificación con Euskal Herria.

Só se mantén a referencia á necesidade de "normalizar as relacións" coa comunidade autónoma vasca.

Comentarios