Ayuso vai a Bruxelas

Madrid chama desde Bruxelas a combater o nacionalismo

O nacionalismo é para a presidenta da Comunidade de Madrid “o maior dos cancros”.
A presidenta de Madrid, Isabel Ayuso (Comunidade de Madrid)
photo_camera A presidenta de Madrid, Isabel Ayuso (Comunidade de Madrid)

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), participou en Bruxelas nunha palestra, desde onde chamou a "combater" os movementos soberanistas no seo da Unión Europea.

Ayuso cualificou deste modo os movementos políticos que defenden a autodeterminación durante a súa intervención no Comité Europeo das Rexións, e alarmou no Parlamento europeo do que cualificou como “problema da fragmentación" no seo da Unión. 
A presidenta madrileña aseverou ademais que a UE “é o mellor proxecto político que obtiveron as e os cidadáns do continente nas últimas décadas” e avogou por "modernizalo" e abrir a política comunitaria á veciñanza.

Após afirmar que "na UE hai que combater o maior dos cancros que é o nacionalismo, que provocou as peores divisións do século XX e as peores guerras" quixo pór o acento en que estes movementos se están a facer “máis fortes" en varios países, incluído o Estado español. 

A popular Isabel Ayuso cre que é un deber das potencias europeas "frear sen ningunha dúbida" o nacionalismo e recalcou así mesmo que o Goberno da Comunidade de Madrid que ela xestiona fará de enorme "contrapeso" a esta ideoloxía facendo moito máis "patriotismo".

Comentarios