Luzes de Galiza publica o manifesto 'Pola Unión'

Dezaseis puntos para que “a desintelixencia non estrague este tempo de esperanza” compoñen un texto no que se apela á unidade para, entre outras propostas, “deixar de ser un país soterrado, invisíbel e marxinado no Estado español”.

Luzes

'Pola unión' é o título do manifesto que a revista Luzes de Galiza publica no seu número 21. Unha declaración de intencións, un editorial ou unha opinión? En calquera caso, un manifesto de 16 pontos no que, de proa a poa, fai un chamemento a prol da unidade. “A xente está pola unión porque é un imperativo cando se dá unha situación de emerxencia”, afírmase no punto nº10. 'Luzes' volveu ás rúas en 2013 da man de Manuel Rivas e X.M Pereiro, que recuperaron así un cabezallo nado en 1985 en Sada e que marcara todo un fito no universo do papel en Galiza.

O 'Manifesto' deste nº21 de 'Luzes' vai acompañdo dunha estampa da IWW (Industrial Workers of the World), o sindicato de traballadores que xurdiu en Chicago (EUA) en 1905 froito da teima de operarios comunistas, anarquisas e socialistas revolucionarios.

“A xente quere a unión para deixar de ser un país soterrado, invisible e marxinal no Estado español, unha frase subordinada no día da Ofrenda”, escrébese no punto número 15 deste escrito. “A xente está pola unión. A xente quere cambiar este país para mellor”, afírmase nos puntos 1 e 2 do manifesto.

“Imperativo”

O escrito que se publica neste número 21 de 'Luzes de Galiza' manifesta no seu punto número 14 que “a xente está pola unión porque esa unión xa existe en potencia, xa existe, no pobo, a xeito de gran espazo cívico, de liberdade e imaxinación democrática, onde leveda e medra o pan de Galicia”. Un documento que conclúe, ponto 16, que “a xente quer a unión porque é posíbel”.

Comentarios