Luz verde á sexta prórroga da alarma

Nada tivo que ver o debate da sexta prórroga do estado de alarma, aprobada no Congreso, co pleno de hai 15 días, cando os votos en contra alcanzaran a súa cota máis alta: 162. O Goberno español ía desta vez máis tranquilo, ao contar cunha clara maioría a prol. Foi chave para ter apoios que o Executivo aceptase devolver as competencias recentralizadas ás comunidades e permitir que estas xestionen a fase 3, tal e como pedía o soberanismo. 
 
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no Congreso durante o debate sobre o sexto decreto do estado de arlama (Imaxe: Pool / EP)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no Congreso durante o debate sobre o sexto decreto do estado de arlama (Imaxe: Pool / EP)

Con 177 escanos a favor, 18 abstencións e 155 votos en contra ficou aprobada esta cuarta feira, 3 de xuño, a sexta e, en principio, última prórroga do estado de alarma, que se estenderá até o próximo 21 de xuño. 

No 'si' estiveron ademais das forzas que compoñen o Goberno, PSOE e Unidas Podemos; o PNV, Ciudadanos, Más País, os partidos canarios, o cántabro PRC e Teruel Existe. No voto en contra postuláronse PP, Vox e as catalás Junts e CUP, ademais de Compromís. Facilitaron a prórroga coa súa abstención o BNG, EH Bildu e ERC.

O Executivo logrou que Esquerra se movese do 'non', polo que optara na anterior sesión, precisamente ao devolver  coa nova alarma todas as competencias ás comunidades e permitir que estas sexan as encargadas de xestionar a fase 3 do desconfinamento e a "nova normalidade".

Así pois, a partir do 8 de xuño, as Presidencias das comunidades que estean en fase 3 serán quen decidan cando saian os seus territorios do estado de alarma, polo que esta nalgunhas zonas podería rematar antes do 21 de xuño. As autonomías tamén poderán decidir se recuperan a mobilidade entre as súas provincias.  

Alerta na Galiza

O deputado do BNG na Cámara española, Néstor Rego, sinalou que hai “preocupación” nas vilas costeiras galegas pola “afluencia masiva” de turistas nestas datas, procedentes doutras zonas do Estado e que se encontran en fases onde non poderían saír dos seus territorios. Rego lembrou ao Goberno español que a decisión de "non fechar Madrid" repercutiu nunha extensión do coronavirus. Na réplica, Pedro Sánchez dixo descoñecer tales "fluxos de mobilidade", mais  considerouno "importante" porque a Galiza e Madrid están en distintas fases e "é necesario ter a máxima precaución. Verei se está a ocorrer ou non", prometeu ao deputado.

Nova normalidade

Sánchez anunciou que a vindeira terza, 9 de xuño, o Consello de Ministras aprobará un real decreto para "a nova normalidade", coas medidas de recuperación, prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria após o estado de alarma e evitar "novos brotes".

A dereita española ataca o 8-M

O feminismo estivo no centro do debate na sesión no Congreso. A dereita española insistiu en responsabilizar da propagación do coronavirus as manifestacións do 8-M e acusou o Goberno estatal de telas permitido. 
"Viva o 8 de marzo", exclamou o presidente Pedro Sánchez desde o atril. Na súa intervención dirixiuse ao PP e Vox para lembrarlles que en cidades como Berlín, París ou Nova Iorque tamén se realizaron esas marchas multitudinarias. "Ninguén sabía o que viña enriba", apuntou.

Sánchez fecha filas con Grande-Marlaska

O presidente do Goberno achacou as críticas da dereita española contra o ministro de Interior, Fernado Grande-Marlaska, por destituír o xefe da Comandancia da Garda Civil de Madrid, o coronel Diego Pérez de los Cobos; a que o ministro está a "destapar a policía patriótica" do anterior Goberno de Mariano Raxoi.

Marlaska asegurou no Congreso que non relacionara nas súas primeiras comparecencias o cesamento do coronel coa filtración á prensa do informe do 8-M por "respecto á carreira profesional" de Pérez de los Cobos. Foi na terza feira, 2 de xuño, no Senado, logo de filtrarse unha nota de Interior que relacionaba a destitución  do coronel por mor do informe, cando Marlaska puxo sobre a mesa a filtración do mesmo. Todo indica que o informe só puido saír ou da contorna do Xulgado ou da propia Garda Civil. 

Comentarios