O PP LEGALIZA CON ESTA NORMA AS 'DEVOLUCIóNS EN QUENTE' DE INMIGRANTES

Luz verde á 'Lei Mordaza'

Após a aprobación no Congreso, a norma será tramitada no Senado. A súa publicación prevese para comezos de 2015. 

Pedro Sánchez
photo_camera [Imaxe @sanchezcastejon]

O Congreso español acolleu esta quinta feira o debate e votación da Lei de seguridade cidadá, máis coñecida como 'Lei Mordaza'. O texto lexislativo deseñado por Interior contou co único apoio do Partido Popular e co rexeitamento unánime das forzas da oposición. Desde o goberno español sacan peito dunha norma que para colectivos sociais, ONGs e mesmo a igrexa católica supón unha agresión aos dereitos fundamentais. 

O decorrer da propia sesión plenaria evidenciou o rexeitamento social e político á lei. Para alén das críticas feitas polas forzas da oposición desde a tribuna e as bancadas coas que denunciaron a agresión que suporá o texto ao dereito á liberdade de expresión; desde o espazo reservado ás visitas tamén houbo quen quixo facer constar que o texto lexislativo atenta contra principios fundamentais recollidos nos Pactos de Dereitos Humanos homenaxeados na xornada de onte (10 de decembro).

Só o Partido Popular votou a favor do anteproxecto de lei que foi fortemente criticado nas rúas
 

Multas á resposta popular

Neste senso, o grupo Solfónica comezou a cantar a "Canción do pobo" integrada no musical 'Os miserábeis' en defensa dos dereitos e contra a "institucionalización do Estado policial" que suporá a norma, como denunciou o grupo da Izquierda Plural. Solfónica foi expulso da Cámara seguido dun "hay que joderse" pronunciado polo presidente do Congreso, Jesús Posada, dando conta da que vén enriba. 

Entre 600 e 30 mil euros de sanción por se opor a un despexo, non identificarse perante un axente da policía, desobedecer as ordes policiais

Após a introdución de 50 emendas presentadas ao texto orixinal, algúns dos puntos máis críticos do texto lexislativo que agora chega ao Senado son as multas que impón á resistencia cidadá. Entre 600 e 30 mil euros de sanción por se opor a un despexo, non identificarse perante un axente da policía, desobedecer as ordes policiais ou por difundir imaxes dos antidisturbios mesmo cando estes estean a agredir @s manifestantes, son algunhas das "infraccións" incorporadas á lei. Medidas que para as forzas da oposición retrotraen o marco xurídico español á Lei de Orde Pública aprobada polo franquismo en 1959.
 

O PP legaliza as 'devolucións en quente'

Aliás, un dos puntos máis controvertidos e denunciados é a incorporación ao anteproxecto de lei --através dunha emenda presentada polo Partido Popular-- das denominadas 'devolucións en quente'. Expulsións de persoas migrantes após poren o primeiro pé en chan español.

No concreto, a lei fixa que "os estranxeiros que sexan detectados na liña fronteiriza da demarcación territorial de Ceuta e Melilla mentres intentan superar, en grupo, os elementos de contención fronteirizos para cruzar irregularmente a fronteira poderán ser rexeitados a fin de impedir a súa entrada ilegal en España". 

A UE lembra a Madrid que estas prácticas son contrarias á doutrina ditada por Estrasburgo

Estas prácticas, que o goberno español tería realizado á marxe da lei en diversas ocasións, foron duramente criticadas polas organizacións de dereito humanos e non gobernamentais, mais tamén polas institucións europeas que lembran a Madrid o seu carácter contrario á doutrina fixada por Estrasburgo.

Porén, o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, afirma que estas medidas son a "única" saída á inmigración e mesmo se burlou das denuncias emprazando aos colectivos a lle entregar o seu enderezo para mandar a "esa pobre xente" ás súas casas. 

O PSOE xa avanzou que presentará un recurso de inconstitucionalidade. 

Comentarios