A poeta Luz Pozo recoñecida co Premio Laxeiro

A poeta Luz Pozo é a gañadora da nova edición do premio Laxeiro que a Fundación dedicada ao artista outorga cada ano a unha persoa en recoñecemento da súa traxectoria no mundo da cultura. 

Luz Pozo
photo_camera Luz Pozo

No transcorrer do xantar que cada 23 de febreiro, dia do seu aniversario, se lle tributa ao pintor Laxeiro e no que se dan cita amizades e persoas admiradoras da súa obra foi dado a coñecer o nome da nova gañadora do premio que leva o seu nome. A poeta Luz Pozo, que non puido asistir ao acto de entrega por problemas de saúde, foi a escollida para a edición do premio deste ano en “recoñecemento a toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e o ensino”. 

O de Luz Pozo é o segundo nome de muller que recibe o premio Laxeiro, despois de que Carme Kruckenberg fora a recoñecida na edición do 2011. Francisco Fernández del Riego inaugurou en 2004 a xeira de gañadores nunha lista na que se ían incorporal Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo, Carlos Oroza, Antón Lamazares, Xosé Neira Vilas, Carme Kruckenberg, Luís Mª Caruncho e Jorge Castillo. En só unha ocasión, non foi unha persoa a galardoada senón un organismo. Aconteceu na segunda edición do premio na que a Obra Social Caixanova se fixo co Laxeiro do 2005. 

Comentarios