'Pazo de Tor' sae en Alvarellos

Luz Pozo publica novo libro de poemas aos 96 anos

É talvez a máis veterana das poetas galegas en activo. Publicou o seu primeiro libro en galego en 1952. Sesenta e sete anos despois, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) volve ao prelo con Pazo de Tor, 30 poemas que pescudan nas súas orixes familiares.
 

Luz Pozo
photo_camera A poeta Luz Pozo Garza. Foto: cedida.

Ao coidado editorial da profesora Carmen Blanco e con limiar do presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes, Pazo de Tor propón, en palabras deste último, “unha escada de luz que, como nos antigos místicos, como os pitagóricos” leva “cara ao non nomeado, a música das esferas, que non se pode describir”.

O Pazo de Tor atópase en Monforte de Lemos e dese edificio barroco proceden os Garza. “Inspirándose neste espazo histórico e xeográfico, a poeta compón trinta poemas nos que, unha vez máis, demostra a capacidade da súa pluma excepcional, fóra de calquera tempo ou moda”, indica a editora Alvarellos. O anterior libro de Luz Pozo Garza, Rosa tántrica (2016) xa aparecera na editorial compostelá.

luz pozo - pazo de tor (alvarellos, 2019)

A poeta e académica, encadrada por Méndez Ferrín na Promoción de Enlace e integrante da Xeración dos 50, é autora de títulos fundamentais da poesía galega contemporánea, como Concerto de outono (Ediciós do Castro, 1981), Códice Calixtino (Sotelo Blanco, 1986) ou Prometo a flor de loto (Deputación da Coruña, 1992).

Intimista e intensa, de raíz rilkeana, existencialista sen estridencias patéticas, a súa obra entrou en diálogo cos clásicos gregos -Medea en Corinto (Linteo, 2003)- e galegos -Vida secreta de Rosalía (Espiral Maior, 1996). Sobre Rosalía de Castro tratou, xustamente, o seu discurso de ingreso na Academia, Diálogos con Rosalía, en 1996.

Comentarios