Opinión

Luz para o esquecemento

Se algo caracteriza este Goberno de Galicia (x3) é o ir establecendo tempos amnésicos e por riba quedar ben sen gastar nada ou se cadra cobrar por iso. Non queren que vaiamos xuntos na restauración das verdades da Memoria Civil e si prefiren unha democracia de verdades a medias, ou de esquecementos, e iso non é posible, pois que sentido terían as nosas existencias? Unha postura non debese ser unha impostura. E sabelo dá moita rabia. Así non se constrúe nada, pois a memoria é a luz permanente do pasado que nunca pasa. Non quixéramos pensar que estas actitudes fosen sacadas do odio ao que se poida esclarecer e difundir. Non debese ser unha emoción tan retrógrada, xa que o odio anula a igualdade, a liberdade, a tolerancia, o respecto á dignidade, pois a intelixencia maniféstase arrequecida cando pensa colectivamente. Entre estas, un xeneral falou da necesidade de fusilar 26 millóns de persoas (“fillos de puta”). Unha masacre.

O Pazo de Meirás, chave en man, pasa ao pobo galego. A súa fin será converterse en espazo de traballo, exposición e difusión da Memoria Civil de Galiza e para estudo da vida e obra de Emilia Pardo Bazán, satisfacendo exixencias democráticas. O Goberno de Galicia (x3) prefire a discursos floreados andar con explicacións que nada explican con tal de desviar o importante: a nosa Memoria Civil, a que lle abra máis verdade a “o pobo da noite”(como lle chamou A. Malraux). As intencións non son inocentes. Velaí el como apagando a nosa memoria lle pon luz para o esquecemento.

Comentarios