Luz Darriba, Xosé María Álvarez Cáccamo e A Roda, entre os galardoados cos Premios da Cultura Galega

O Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares completan a listaxe  de premiados.

xurado premios cultura galega
photo_camera Imaxe do xurado dos Premios Cultura Galega 2018

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.

Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, ‘Praia das furnas’, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil.

A creadora Luz Darriba, colaboradora de Sermos Galiza, fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Nada en Montevideo e emigrada a Galiza en 1990, é autora de 40 macroaccións urbanas. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo, Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50 exposicións individuais internacionais.

En Artes Escénicas o recoñecemento é para o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galiza, que se celebra en Carballo desde 1992, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo.

Os Premios da Cultura Galega 2018 distinguen A Roda en Música. O grupo fai en 2018 catro décadas de vida dedicada a promover e a difundir a música galega.

O galardón en Audiovisual é para o Festival de Cans, un encontro audiovisual organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

En Lingua o premiado é Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942), lingüista, catedrático de filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega.

O Sorriso de Daniel, que toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria, é unha asociación creada en Santiago de Compostela en 2010 cuxos fins fundacionais son promover, defender, estimular e apoiar a conservación do patrimonio medieval galego e mais difundir, tanto dentro coma fóra de Galiza, este patrimonio, particularmente todas as manifestacións da arte románica.

Ramón Villares (Xermade, 1951), Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018.

Comentarios