Luxan con mensaxes en defensa da unidade española un mural dedicado a Rosalía en Pontevedra

Galiza nova denuncia nas redes sociais o que cualifica de "ataque fascista á figura de Rosalía".

mural atacado rosalía pontevedra
photo_camera Imaxe: Galiza Nova

“Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”. Os versos de ‘Cantares Gallegos’ figuraban nun mural en Pontevedra realizado por Galiza Nova a comezos de 2016 e no que tamén se debuxara unha imaxe da escritora. Unha homenaxe á Rosalía de Castro “que non poden dixerir”, como manifestaban naquela altura militantes desta organización xuvenil.

Este mural foi albo dun ataque. Onde figuraban os versos de Rosalía de Castro pintouse por riba“Pobre Galicia, que hoy niegan que siempre fuiste española”. Dobre a lenda de Galiza Nova, riscouse a palabra Galiza para escribir ‘Dictadura’ e, a maiores, engadiuse no mural unha mensaxe en castelán: “Los mayores opresores siempre se han creído los mayores libertadores”.  A través das redes sociais, desde Galiza Nova falan de “ataque fascista á figura de Rosalía”.

Non é este o primeiro incidente relacionado con este mural a Rosalía en Pontevedra.  A Subdelegación do goberno español anunciara en maio de 2016 multas de 100 euros a cada un dos dous militantes de Galiza Nova que considera responsábeis de realizar ese mural. Sabela Bará, unha das sancionadas, explicaba naquela altura en conversa con Sermos Galiza que o mural fora feito o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía. 

Comentarios