Opinión

Lumes forestais: sen novidade no fronte

Partimos da base de que, en última instancia, os/as culpábeis dos lumes forestais son as persoas desalmadas que prenden os lumes. Mais esta aseveración non pode agachar a realidade. A realidade é que os lumes forestais son unha derivada de unha política de montes non adecuada para os intereses das populacións do medio rural. Unha política de montes que facilita que os lumes na nosa nación continuen per secula seculorum. Unha política de montes negativa, incrementada nestas dúas lexislaturas do Partido Popular.

Como de problemas estuturais e de política de montes a Xunta de Galiza non quer falar, tenta desviar a cuestion e botar balons fóra. Así, como se dun parte de guerra se tratase, entre os días 20 e 21 de Agosto do presente ano saíron á palestra pública a Conselleira do Medio Rural, o Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o Comisario xefe da policía autónoma de Galiza para dar as novidades da loita contra os lumes forestais. Estas tres persoas falaron do mesmo. Do número de lumes, de hectáreas queimadas. E sobor de todo, falaron de que a veciñanza do rural coñocemos a quenes queiman os montes, pero que non os denunciamos; que cando miramos a persoas estrañas polas nosas zonas, non corremos a contarllo á policía. Estas tres persoas non é que somentes boten balóns fóra no cumprimento das súas competencias, é que xuridicamente fan unha acusación grave á veciñanza do rural, de que podemos ser cómplices dos incendiarios/as. Non é competencia da veciñanza a persecución dos delitos. É competencia das chamadas pomposamente forzas de seguridade do Estado (que ademais cobran por elo). O triste da custion, porque da queima do territorio se trata, é que se para o próximo verán seguen a gobernar os que nos goberan hoxe, volverannos a contar o mesmo. Como aquela canción do Celta cando este non era quen de subir á Primeira División, “sempre andas decindo para o ano que vén, e chega outro ano e pasa tamén”.

A realidade é que os lumes forestais son unha derivada de unha política de montes non adecuada para os intereses das populacións do medio rural

A novidade de parte de estas tres persoas da Administración Pública é que non hai novidade. Agora ben, tanto a Conselleira do Medio Rural como o Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal pretenden falarnos de dúas novidades que na realidade non o son, xa que son máis do mesmo. A primeira das novidades é que agora o monte produtivo (non multifuncional e sustentábel) e ben xestionado, tamén arde. Até agora o monte produtivo (na súa ideoloxía, produción forestal), non ardía. E sempre nos puñan o exemplo do norte da nosa nación, dominado polo cultivo (non plantación) intensivo do eucaliptus. Mais como a política de montes da actual Consellaria do Medio Rural, ao servizo da industria da madeira, é forestar o monte galego con especies de crecimento rápido e cultivos enerxeticos, cómpre pór a venda antes da ferida. As últimas normativas do Partido Popular en materia de montes (non reducir a superficie das plantacions de eucaliptus; entregar, por non pagar as inxustas e falsas débedas dos consorcios e dos convenios, perto de 250 mil hectáreas de terras da veciñanza comuneira á xestión das empresas forestais privadas e a obriga de investir o 40% de xeito uniforme, de todos os ingresos das comunidades de montes en mellora forestal (non multifuncional e sustentabel), van no camiño de perpetuar os lumes forestais no territorio.

A primeira das novidades é que agora o monte produtivo (non multifuncional e sustentábel) e ben xestionado, tamén arde

A segunda das novidadade é que para evaluar os danos dos lumes forestais e artellar medidas paliativas a Sra Conselleira do Medio Rural non se reúne cos titulares das terras queimadas, reúnese cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados polos lumes. Reúnese con alcaldes e alcaldesas que, salvo as excepcións, que evidentemente hainas, entenden o monte veciñal como un lugar sen valor onde se poden instalar calquer tipo servizos ou como unha mina no que as comunidades de montes fagan obras municipais que por obriga teñen que facer os concellos. Reunirse cos alcaldes e alcaldesas pode estar ben, pero o que é imprescindíbel é que a Sra Conselleira do Medio Rural se reúna cos titulares das terras; cousa que non fará. Mais este desprezo os titulares das terras non é ningunha novidade. Poñamos un exemplo. O Pladiga, documento que se publica por primeira vez no ano 1990, nun dos seus apartados di que, para a planificación da loita de prevención dos lumes forestais, os Distritos forestais reuniranse coas comunidades de montes para tal planificación. Pasaron 26 anos e aínda non tivo lugar a primeira de estas reunións .

As manifestacións públicas de estas tres persoas da Administración non din nada novo. Poderían ser sustituidas por un plasma recollendo manifestacións de por exemplos as dúas últimas lexislaturas que virian a dicir exactamente o mesmo.

Comentarios