COMO DICILO?

Lume

lume incendio vilar do rei
photo_camera lume incendio vilar do rei

A produción e o control do lume foi unha das máis gandes conquistas da humanidade. A partir dese momento puido cociñar e comer quente, combater o frío, protexerse ante ataques de depredadores e realizar outros labores esenciais na vida das persoas. O lume controlado, naturalmente, non o que ameaza a supervivencia.

 

Disque non hai lume sen fume, ou viceversa, que non hai fume sen lume. Efectivamente, da combustión despréndense os gases e partículas, e hai materias que ao arderen botan máis fume que outras. Se temos en conta que o fume chega a caracterizar o secundario fronte ao substancial, que é o lume, entenderemos unha locución como Moito fume e pouco lume (equivalente ao castelán Mucho ruído y pocas nueces) que descualifica algo ou alguén, igual que a tamén galega cacarexar e non poñer ovos.

 

Tamén son doadas de entender as expresións moita palla e pouco gran. para sinalar cousas secundarias fronte a outras importantes, e máis é fume de palla, para caracterizar tamén o secundario que podería cegarnos ou afogarnos apartándonos do substancial, e a locución é un boi de palla para caracterizar un home presentado como seguramente grandote e algo manso de máis.

 

E ollo con aquelas persoas que teñen o rabo de palla, é dicir que teñen un flanco feble, porque o refrán galego di que o que ten o rabo de palla sempre pensa que llo queiman, é dicir, sempre están á defensiva.

 

Medrar coma o leite no lume é unha comparanza que utilizamos con frecuencia para expresar a rapidez, igual que estoutras dúas locucións : a fume de carozo (será que o fume da mazaroca de millo corre máis rapidamente que outros fumes?) ou a lume de biqueira, motivado porque a biqueira, a punta do zapato, estaba moitas veces reforzada cun pequeno semicírculo de ferro e botaba faíscas ao bater contra as pedras.

 

Da rapidez pasamos á inmediatez, conceptos moi próximos: cando queremos expresar dúas accións, na que a segunda é continuación inmediata da primeira, utilizamos moito en galego a locución coa mesma (Chegou á casa e coa mesma encerrouse no seu cuarto). Esa inmediatez leva algo de atrevemento, (Díxolle que non estaba disposta a facelo, e coa mesma plantouse diante del). Un equivalente español podería ser ni corto ni perezoso (no exemplo ni corta ni perezosa) frase que xa temos visto algunha vez incorrectamente traducida como nin corto nin preguiceiro.

 

E cando o que subliñamos é o cumprimento da primeira acción mediante a segunda, é dicir a coherencia no propósito, utilizamos en galego meu dito, meu feito (español dicho y hecho) : Chamoume para dicir que viña e meu dito, meu feito : de alí a un par de horas apareceume pola porta.

Comentarios