PRESéNTASE A WEB DEDICADA AO AUTOR DE "NON DEBíAN MEDRAR"

Luís Valle gaña con “As cicatrices do Sol” o Lueiro Rey de Poesía

Co libro As cicatrices do Sol, o poeta Luís Valle vén de gañar a terceira edición do premio Lueiro Rey de Poesía convocado por a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe máis o concello de Fornelos de Montes. 

Luis Valle
photo_camera Luis Valle

As cicatrices do Sol é un poemario con selo propio. Así o estimou un xurado composto por Luís Cochón Touriño, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo que, con Carme Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, compuñan o xurado da terceira edición do Premio Lueiro Rey de poesía no que o libro de Luís Valle se impuxo fronte aos trinta e oito traballos literarios presentados. 

“Percorre, con dicción poderosa, as realidades máis universais: o amor, a dúbida, a esperanza, a orfandade, o pasar do Tempo”, sinalan na acta na que tamén destacan a súa “elaborada rede simbólica” e a “arquitectura de gran solidez na que predominan as fórmulas breves, ancoradas nunha disposición gráfica inusual, que corta a cantil a liña escrita e pauta en curto o fluír dos períodos”. 

O libro sairá publicado pola editorial Sotelo Blanco Edicións, colaboradora do certame convocado pola Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes e que, con anterioridade recaeu en Silvia Penas e Eli Ríos. As cicatrices do Sol será presentado o vindeiro 12 de abril no acto de entrega no premio que se desenvolverá en Fornelos de Montes. 

O poeta Luís Valle suma así un novo título a súa conta de libros na que destacan tamén outros dous grandes premios literarios como o Caixanova de 2008 por A caída ou o Eusebio Lorenzo Baleirón de 2010 por Fedor ademais do Caderno do mendigo publicado en 2012 por Barbantesa. 

Páxina para Lueiro 

O nome do gañador do certame será a primeira noticia en se incorporar a agora estreada web dedicada ao escritor Manuel Lueiro Rey que ofrece un percorrido pola súa biografía e obra, álbum fotográfico, documentación e enlaces para afondar na traxectoria vital e literaria do escritor. A páxina, deseñada por Daniel Ferreiro e impulsada por Carme Carreiro desde a asociación Cultural O Cruceiro, contou coa colaboración da familia e do biógrafo do escritor, Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida (Xerais). 

Ademais, a web inclúe as referencias ás obras gañadoras dos dous premios que levan o nome do autor, o de poesía de fornelos e o de novela curta do Grove e información arredor de novos recoñecementos ao autor. No apartado audiovisual, incorpórase un vídeo no que todos os nenos e as nenas do colexio de Fornelos de Montes recitan os versos do autor. 

Comentarios