Xa fora recoñecido co Día das Letras Galegas

Luís Seoane, a figura distinguida co Día das Artes Galegas 2019

Como escritor —nomeadamente poeta—foi honrado co Día das Letras Galegas 1994. Agora vaino ser como pintor e gravador co Día das Artes Galegas 2019, após o acordo adoptado por unanimidade polo plenario do Academia Galega das Belas Artes, realizado no edificio Fonseca, en Compostela.

laxeiro_diaz_pardo_seoane1955
photo_camera Seoane, á dereita con Laxeiro e Díaz Pardo

Luís Seoane (Bos Aires 1910- A Coruña 1979) é unha personalidade poliédrica, unha das máis relevantes da cultura galega durante o século XX. Escritor, xornalista, activista en múltiples campos e, sobre todo e ante todo, pintor, talvez o maior vulto da pintura galega na pasada centuria.

cadroA de Seoane foi a única candidatura que se considerou por parte da Academia. Unha vez que se propón un nome como o del, non hai moito debate posíbel, dixeron a Sermos fontes da institución.

Seoane —militante do Partido Galeguista durante a II República e exiliado en Bos Aires após o golpe fascista— é a segunda figura da cultura galega —a primeira foi Afonso Daniel Rodríguez Castelao— que ten sido distinguido quer co Día das Letras quer co Día das Artes Galegas.

O Día das Artes Galegas foi instituído en 2015 e conmemórase o 1 de Abril. Até agora os nomes homenaxeados foron os do Maestro Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018).

Nota: a imaxe corresponde ao lenzo "Mar Bravo", óleo de 1964.

Comentarios