Luís Bará: "O Goberno galego debe reclamar a transferencia da AP-9 e nacionalizala"

Entrevistamos Luís Bará Torres, profesor e parlamentario que encabeza a candidatura do BNG por Pontevedra. 
O deputado Luís Bará, do BNG, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera O profesor Luís Bará Torres encabeza a candidatura do BNG por Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

—No BNG poñen Pontevedra como modelo para Galiza. Mais nun país con vilas e urbes tan distintas, que é o "exportábel"?

Todo, porque este é un modelo moi avanzado que vai na liña do que se acabará facendo en todo o mundo, tamén polas exixencias do cambio climático. Está pensado para o noso país e para os seus distintos tipos de vilas e cidades, para que sexan inclusivas, integradas e compactas. 

A chave está en transformar dous conceptos fundamentais: o espazo público, para pór en primeiro lugar as persoas; e mudar radicalmente o concepto de mobilidade, primando modos saudábeis e amábeis fronte á mobilidade motorizada. 

—Debe o novo Goberno pular para que Ence abandone a ría?

 O asunto está na vía xudicial e en mans do Goberno estatal e a Xunta debe velar polo cumprimento do  Plan de ordenamento do litoral, que prevé desenvolver no espazo que ocupa Ence unha área de mellora ambiental e paisaxística, para a recuperación e rexeneración deses terreos. A prórroga á pasteira é ilegal e a Xunta ten competencias en materia ambiental e industrial, polo que ten que impulsar e liderar o traslado da fábrica.

—A Consellaría de Medio ambiente quere a continuidade de Ence e argumenta que Galiza non pode perder máis empregos. 

O impacto ambiental brutal que causa esa fábrica indica que aí non pode ficar. Hai un debate sobre se Ence pode ser trasladada a outra localización da xeografía galega, e un segundo debate versa sobre se o noso monte ten que estar supeditado aos intereses dunha multinacional allea ao país, que causa grave impacto coa sua actividade e que ademais non deixa aquí os seus beneficios. Nós defendemos que outro monte é posíbel, que debe ser multifuncional, dar beneficios ambientais e postos de traballo diversificados. Isto oponse ao modelo de monocultivo do PP.  

—Que propón facer coas altas peaxes da AP-9?

O Goberno galego debe reclamar a transferencia da AP-9 e apostar polo rescate e nacionalización da autoestrada, tendo en conta que outras vías construídas na mesma época xa son de balde. As peaxes da AP-9 son un atraco e a concesionaria foi beneficiada polos sucesivos Gobernos estatais do PP e PSOE. 

—Como divulgador da memoria, cómpre lexislar esta materia?

Propuxemos unha lei de memoria histórica e o PP impediuna no Parlamento. Reivindicamos esa lei e a necesidade de desenvolver políticas públicas de memoria na Galiza. Feixoo aniquilou todos os proxectos que o BNG puxera en marcha desde a Xunta entre 2005 e 2009. Queremos unha política nesta materia que sitúen de novo Galiza como referente. 

Comentarios