Opinión

O Lugo de Nerón e os cacarexos no incendio

Chegou o momento que ninguén quería. Logo de ver o lume achegándose moitas semanas, as lapas xa están de cheo en Lucus Augusti. O CD Lugo entrou a pasada semana con todas as da lei en postos de descenso a Segunda División B despois de perder pola mínima contra o Granada (1-2), un dos equipos da zona alta, condición que vale de ben pouco a estas alturas. Non errou o perseguidor, o Extremadura ó que a súa boa inercia ía poñer antes ou despois por diante do conxunto albivermello. Ben pola falta de acerto, ben por ser inferiores, ben pola lúa, ben polo sol… O descenso xa é unha realidade palpable.

Constantino Saqués, o Nerón desta entidade, que tomou o imperio en 2015, botou outro cadáver na súa fosa común de adestradores e directores deportivos. Alberto Monteagudo imaxinouse despedido despois das derrotas por 0-3 contra o Numancia ou o Mallorca, pero non logo de ter gañado 0-4 a un rival directo como o Córdoba e rozar o empate contra o Granada. Recoñeceuno na súa despedida, na que botou balóns fóra, coma os seus pupilos. Cargou contra o máximo mandatario lugués por ter intervido no mercado de inverno desposuíndo ó plantel de dous activos tales que o mediocentro Ramón Azeez e o lateral esquerdo Vasyl Kravets para os que non se ficharon recambios de garantías.

No caso do primeiro, Monteagudo dixo que Saqués se puxo en contra de todo o corpo técnico cunha venda ás agochadas. No segundo veu un rapaz de Ucraína, coma se aló se producisen xogadores de elite en cadea. Orest Lebedenko segue, logo de case catro meses, adaptándose. Cando atope o seu propio biorritmo pode que o CD Lugo xa estea descendido. O segundo adestrador albivermello nesta nefasta temporada vaise sen mellorar o promedio do seu predecesor, Javi López, ó que o presidente lle cortou a cabeza tamén con nocturnidade e aleivosía. Impórtalle ben pouco a un pirómano que converteu unha entidade modesta e ben xestionada nunha empresa de traballo temporal. Dos que comezaron con el hai catro anos, xa non queda case ninguén. Sempre desatendeu os consellos dos que puideran saber de fútbol, que el entende como unha empresa máis.

Tentará extinguir un lume que xa chega ao Río Miño outro albaceteño, Eloy Jiménez. O perfil, semellante. Un técnico sen experiencia en Segunda División que recibe a súa oportunidade para participar no fútbol profesional da man dun equipo en apuros. Sabe, no fondo, que se se consuma o descenso sempre terá a escusa da herdanza recibida. A aposta por adestradores de perfil baixo sitúase no epicentro da errada planificación dun curso que pode rematar do peor dos xeitos. Ten mérito facerse un ‘harakiri’ o ano que a permanencia vai estar máis barata. E máis se se ten en conta que un dos contendentes, o Reus, xa está descualificado.

Pero a culpa non foi de Emilio Viqueira, o ex director deportivo que converteu ó club nun cliente da súa axencia. Nin das lesións, nin da falta de coraxe en certos partidos. Os responsables desta situación son “os catro artistas que se dedican a cacarexar nas redes. Non facían o mesmo cando iamos primeiros o ano pasado. Só queren desestabilizar”. A cita leva, como case todas as saídas de ton deste ano, a voz de Saqués, quen non perde oportunidade para desviar culpas. Ten unha obsesión coas redes sociais, ás que despreza como forma de expresión. Refírese a elas como unha minoría pero ten máis en conta a súa repercusión do que poidan dicir os medios.


 

O seu embigo é tan grande que estima que son “catro artistas” os que desaproban a súa xestión. El mesmo puxo o seu peito e a súa cabeza como únicos órganos de decisión válidos. Fóra dos palcos, a afección tenta non caer no desespero da situación. Fixo unha previa ó partido do Granada á altura das circunstancias. Cunha xornada de convivencia entre as diferentes peñas, cartaces por toda a cidade animando ós lugueses a acudir ó estadio, chamadas nas ‘malditas’ redes sociais… Máis do que fai a triste mercadotecnia do club, que parece unha simple tenda online de camisetas de saldo.

Ter o lume xa nas rúas da cidade evidencia as poucas defensas que o fútbol profesional lle deu ó Lugo. Porque o dramático non sería o descenso á categoría de bronce. Sabemos perfectamente cal é a nosa realidade e de onde vimos. A traxedia emerxe cando se ven as vigas podres dunha SAD unipersonal con moitas promesas incumpridas. E aínda así, sabe calquera que anima a este club que as contas pasarán por xunto ó final de curso. Que cos ollos vendados e as mans no lume, a única fin imaxinable é a permanencia. Un obxectivo que só será posible coa unión sen fisuras do equipo e da afección. Esa á que algún lle bota as culpas como fixo Nerón no seu día cos cristiáns para logo erixir un feixe de monumentos megalómanos trala devastación de Roma.

Comentarios