Imprimir

Lugo, o bastión galego de Ordoño II

Alexandre Peres Vigo | 21 de febreiro de 2021

Ordoño II
Ordoño II nun gravado do tombo da Catedral de Compostela
O rei que simbolizou o espírito de rebeldía da Galiza

Con preto de dous mil anos de historia, unha visita por Lugo a través dos seus museos, monumentos e multitudinarias festas como o Arde Lucus recorda a propios e estraños que un día as sólidas murallas da cidade do Miño acolleron no seu interior a antiga Lucus Augusti, a maior urbe romana do norte da Gallaecia. Unha provincia que abranguía, principalmente, os territorios galaicos, ástures e cántabros, e que no ano 411 se converteu nun reino independente a mans dos reis suevos, sendo Lugo un dos enclaves máis destacados deste, tan só por detrás da antiga Braga, a capital histórica da Gallaecia e do novo reino.

Porén, sen apenas monumentos que o lembren, ademais dun pasado romano, a historia de Lugo vólvese apaixonante ao longo da Idade Media, nomeadamente durante o reinado de Afonso III (866- 910), quen conseguira non só reunificar Gallaecia baixo un único soberano mais tamén ampliar o seu territorio. Mais catro séculos despois da caída de Roma, os acontecementos políticos mudaran a organización dunha Gallaecia que vivira o ascenso e caída das monarquías sueva e visigoda como tamén, e moi especialmente, a chegada dunha novidosa relixión, o Islam, ás veciñas terras de Hispania.

A resistencia galega ao outro García

A disolución do Estado visigodo no ano 711, e o xurdimento dunha nova realidade política musulmá na península ibérica (Al-Ándalus), supuxo un inesperado pulo aos enclaves máis setentrionais do reino da Gallaecia. Neste contexto, ademais do ascenso de humildes poboacións como Compostela (erixida en centro espiritual do reino) ou Oviedo (onde reis como Afonso III mantiñan a súa residencia), tamén acadou especial importancia a revitalización de antigas urbes fortificadas como Lugo, capaces de ofrecer unha resistencia pertinaz ante posíbeis asedios ou ataques.

A pesar de ser alcumado o “magno”, o certo é que a fin do reinado de Afonso III se viu desprovista de calquera magnificencia. Derrocado en estrañas circunstancias polo seu fillo primoxénito, García, no ano 910, o novo rei axiña trasladou a residencia real lonxe de Oviedo, fixándoa en León (Legio), onde os romanos situaran séculos atrás o máis formidábel campamento da Gallaecia, a chamada LegioVII Gemina. Porén, a forma de ascenso ao trono como as súas estreitas relacións cos nobres casteláns limitaron o poder de García I, o novo rei galaico, desde o seus inicios.

Un dos territorios onde García I apenas logrou facer efectivo o dominio foron as terras galegas, un territorio que na altura abranguía a maior parte do reino: un grupo de numerosos condados que ían desde o Ortegal até Coimbra. No canto de García I, non era outro que o seu irmán menor, Ordoño, quen desde anos atrás exercía un incontestábel liderado entre os nobres galegos, contando co apoio decisivo da poderosa familia dos Guterre, selado o seu pacto a través do matrimonio entre Ordoño e Elvira, filla do poderoso Hermenexildo Guterre, quen dirixira a conquista de Coimbra.

Ordoño, o rei dos galegos

Para alén disto, o liderado de Ordoño sustentouse nas súas habilidades político-bélicas, talvez baseadas no coñecemento do mundo andalusí onde el fora criado da man da familia hispano-musulmá dos Banu Qasi. O mellor exemplo destas habelencias foron as súas triunfais campañas militares como a do ano 908, cando Ordoño liderou os exércitos galegos –se cadra provistos de gaitas como lembra o historiador árabe Ibn Khaldun– chegando mesmo a cidade de Regel, próxima a Sevilla, un dos corazóns de Al-Ándalus. Circunstancias estas que permitiron a Ordoño ostentar o título de rei dos galegos unha vez morto o seu pai, aínda cando o seu irmán García era o teórico monarca de toda a Gallaecia, e xa que logo, líder dos galegos, ástures, casteláns e vascos occidentais.

Como rei dos galegos, Ordoño II puxo os seus ollos na impoñente cidade de Lugo, amurallada como ningunha outra na Gallaecia e estratexicamente afastada de posíbeis incursións andalusís ou normandas. O novo rei galego mandaría reconstruír e habitar a mediados do ano 910 a urbe lucense, bastión desde onde preparou previsibelmente as súas intrépidas ofensivas sobre Al-Ándalus. Unha das más coñecidas foi, sen dúbida, o asalto sobre a cidade hispano-musulmá de Évora o 13 de agosto de 913, onde Ordoño liderou o exército galego nun ataque que colleu por sorpresa ao daquela emir cordobés, Abderramán III, retornando a Galiza cun inusitado botín.

A súa hábil política de alianzas, especialmente co pequeno reino pirenaico de Pamplona, e a súa ousadía no campo de batalla encomiouno como o indiscutíbel rei dos galegos, até o punto de que, á prematura morte do seu irmán García no ano 914, Ordoño foi aclamado por numerosos nobres e eclesiásticos do ámbito galaico, converténdose desde entón en rei de toda a Gallaecia nese mesmo ano. Ao igual que acontecera no ano 843 co seu avó, o rei Ramiro, máis unha vez, a alta nobreza galega, aglutinada arredor da urbe lucense, lograra impor o seu candidato sobre o conxunto da Gallaecia, un que estaba chamado a converterse nun dos monarcas máis sobranceiros do seu tempo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/lugo-bastion-galego-ordono-ii/20210219155119116218.html


© 2021 Nós Diario