Opinión

Un Lugo-Alcorcón sen ilusión

Era o último tren para engancharse á loita polo soño da promoción, pero non o parecía para o Lugo.

                                       
Era o último tren para engancharse á loita polo soño da promoción, pero non o parecía para o Lugo. Posiblemente porque Lugo sexa a cidade europea na que pasan menos trens por habitante e claro, cando nos falan de trens sempre pensamos aquilo de: érache boa!!

Pois así foi o partido contra o Alcorcón, un equipo que sostén a miña teoría de que os equipos da periferia de Madrid e Barcelona sen tradición ningunha de fútbol tiñan que ter vedado o ascenso a categorías profesionais. Así evitarías a mala imaxe que dan o Alcorcón e o Getafe. Que, na maioría dos casos, son os segundos equipos dos cidadáns desa localidade. Algún podería dicir que en Lugo pasa o mesmo pero eu non o creo ou non o quero crer.

Ao Lugo cando xoga con trivote fáltalle fluidez no xogo

O partido foi como se prevía desde as aliñacións, soporífero. Do Alcorcón, un equipo tan cocho que merecía ser patrocinado por Coren, e do Lugo, que cando xoga con trivote fáltalle fluidez no xogo, se cadra porque Seoane e Rafa García teñen un perfil netamente defensivo e ningún dos dous incrementa a velocidade do balón.

Sendo así, o partido tiña que acabar 0-0, pero o árbitro inventou un deses penaltis dos que hai 15 por partido e así foi como se acabaron as nosas ilusión do ascenso e voltamos estar no medio da escaleira, cumprindo o tópico tan repetido sobre os galegos, pero agora xa só ollamos para baixo, porque con 50 aínda non se está tranquilo, pero con 50 xa non se pode soñar.

Comentarios