Entrevistamos Lucía C. Pan, directora de fotografía

“O documental é a vida abríndose camiño"

Encadrar a realidade e narrala implica tomar moitas decisións. Da cor ao movemento, un nome está detrás dalgúns dos filmes máis interesantes dos últimos anos, como Dhogs, Trote ou Matria. Ela é Lucía C. Pan (Cambre, 1986), de profesión directora de fotografía, o oficio de pintar coa luz. Licenciada en Belas Artes, especializouse na súa actual profesión en Barcelona e logo voltou para desenvolver a súa actividade na terra. En 2018 fíxose co Premio Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía polo seu bo facer en Dhogs, converténdose na primeira muller que o recibe nos 18 anos de traxectoria dos galardóns, polos que pasaron 48 nominados dos que só catro eran nomes femininos. Uns datos que poñen de manifesto a desigualdade aínda moi patente en certas áreas do audiovisual, especialmente aquelas que teñen a ver cos postos de poder. Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza
 
foto-entrevLucia
photo_camera Lucía C. Pan [Irene Pin]

Que implica a dirección de fotografía?

Sempre digo que o meu labor é facer factíbel algo que é abstracto nun inicio, ideas soltas nun guión ou que nin sequera aparecen nel, pero si nun dossier, en conversas co director... O noso traballo consiste en narrar coa imaxe o que as realizadoras queren transmitir. O director de fotografía ocúpase de coordinar o departamento de cámara e de iluminación para que isto sexa posíbel a nivel técnico, artístico, narrativo... ocupándose de todo o que o espectador percibe a través da vista. 

Está entre o técnico e o artístico?

Ten un compoñente moi importante non só técnico, senón de produción. Eu sempre defino a xente de produción como conseguidores, porque fan que as cousas sexan posíbeis. No departamento de foto tes un apartado puramente técnico, e despois está esa parte artística, que ao mellor ten unha implicación temporal menor, mais non por iso é menos importante, seguramente ao contrario.

Que acontece na cabeza de Lucía C. Pan cando lle chega un guión?

Primeiro intento ler o guión para percibir a historia, case como quen le unha novela. Despois diso, gústame falar co director para ver as cousas que non se especifican nel, porque non sempre é o guionista. Unha vez teño todo iso, enfróntome a un desglose máis minucioso e de problemáticas técnicas, tendo en conta eses referentes. A partir de aí comeza o traballo de facer que as cousas encaixen, atendendo tamén a que o orzamento se adapte ao que precisamos. 

mini-entrevLuciaPanQue tipo de referencias adoita empregar: cinematográficas, pictóricas...?

Aínda que as visuais son as máis comúns, todo me parece unha referencia, por exemplo, se o director está obsesionado cunha música ou cunha obra de teatro. Emprego moitas referencias de fotógrafos, non necesariamente coñecidos, pois agora plataformas tipo instagram ou pinterest permítenche chegar aos seus traballos. Utilizo todo iso e intento non pecharme a nada. Non só vexo cinema, tamén series e videoclips, que son unha cousa espectacular, rompen moitos esquemas. Todas esas son ferramentas que debemos usar para poder concretar, pero non para facer o meu filme, senón a historia da directora. 

Claro, porque o seu oficio require unha certa invisibilidade para darlle cabida á personalidade do director.

Eu creo que máis ben é que non é precisa a miña visibilidade. É dicir, no set si que saben que é un director de fotografía, a súa responsabilidade e o seu peso, e esa é toda a visibilidade que eu necesito para traballar realmente.

Tristemente, foi a primeira muller en gañar un Mestre Mateo á Mellor Fotografía. Por que é un oficio tan masculinizado?

É moi complexo. Por unha banda, a fotografía sempre se asociou coa forza. Ademais, ten un peso enorme na produción: podes facer o que queiras, se non iluminas dá igual que teñas unha cámara. Entón, pasa un pouco o de sempre, cando tes unha gran responsabilidade, na maioría dos oficios, recae nunha figura masculina. Á parte, o departamento de foto sempre foi moi asociado á pericia técnica e acaba vinculándose co xénero masculino. Porén, cada vez é máis habitual ler un nome feminino nos títulos de crédito. 

Moita xente queda polo camiño por non ser capaz de imaxinarse facendo algo

A división por xénero do traballo no audiovisual continua a ser forte. Percibe que está mudando o paradigma?

Temos que estar contentas, pero sen rendernos nin despistarnos. Os prexuízos son menos, pero sempre te encontras cos restos. As cousas non cambian dun día para outro, leva uns procesos enormes, con esforzo, e ter referentes é fundamental. Moita xente queda polo camiño precisamente por non ser capaz de imaxinarse facendo algo. Sempre volvemos ao mesmo, desde cativos. Eu xogaba cunha cámara de fotos escarallada de meu pai ou cos xoguetes de meu irmán, pero eran del, non meus. Ese tipo de cousas condiciónannos todo o tempo. A min chámanme moito a atención certas cousas que me condicionaron desde sempre e que eu sabía que non eran innatas en min, por exemplo o tema dos coidados. Eu era a típica que desmontaba aparatos electrónicos na casa. Non me gustaba ler as instrucións, prefería descubrir como funcionaban as cousas e iso era innato, non inculcado. Somos unha batalla entre o que queremos facer, o que nos sae innato e a educación, que ten un peso enorme. É un traballo dificilísimo romper cos clixés que temos interiorizados, require un traballo interno moi grande. Supoño que a medida que vaiamos ocupando os espazos que tradicionalmente nos negaron e sexan mulleres as cabezas de equipo, a situación irá mudando por peso propio. Pero non cambia unha persoa soa toda unha cultura.

Ocupar eses postos sendo muller é na túa experiencia máis complexo?

Depende moito das persoas que atopes. Hai xente que leva a xerarquía até o último punto, co cal dálle igual que sexas home ou muller, o que digas vai a misa. Dentro do meu departamento non atopo excesivas dificultades, porque aínda que non configure eu o equipo teño certa influencia e xa escollo xente coa que sei que me vou entender. Ás veces parece que costa un pouco facerte seguir, pero é a complicación propia do liderado, até que entenden a túa filosofía e a onde queres chegar. Con outros departamentos si que pode haber roces, ou que non asuman a túa voz coa mesma autoridade que a dun home. Pero pouco a pouco vai mudando. Eu poño en valor o departamento de produción, cando te entendes con el e cando dis que algo é prioritario sen ter que subir o ton ou ser pesada... é marabilloso. Por iso hai certa xente que adoro e coa que me gusta traballar, non me fai falla gañar o seu respecto, xa o teño desde o principio. É como xustificar por que escolles certos traballos, aos homes non lles piden xustificar por que escollen algo tanto como a nós. 

Contra o que adoita acontecer no sector, onde é habitual ir ascendendo na xerarquía, vostede comezou a traballar moi rápido de directora de fotografía.

Realmente iso foi consecuencia da crise. Estudei fotografía en Barcelona e cando voltei á Galiza quería seguir os pasos normais: entrar de meritoria, logo auxiliar, ir subindo a foquista... Son traballos para os que estaba preparada e quería desempeñar, pero fixen moi pouco. Constantemente tiña que buscar traballos paralelos para pagar facturas e chegou un momento en que non podía atender a todo. Como a maioría destes traballos eran de colaboración, escollía facer de directora de foto. E non é fácil aprender así, estás constantemente sen saber, todo o tempo metendo a pata... Porque non tes como un referente onde mirar. Eu traballei con moi poucos directores de foto e foi xenial, pero tamén estás ao teu, non podes atender. Á parte tiven a sorte de que en PixelFilms lles gustaba como traballaba e tiñamos moito entendemento, desde o principio propuxéronme traballos de directora de foto. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]  

Comentarios