Lucía Barreiro e Carlos G. Vieito súmanse á permanente da Mesa pola Normalización Lingüística

A asemblea aprobou a memoria de 2019 e o programa de actividades proposto para este ano 2020, fondamente marcado polo coronavirus.

Participantes da Asemblea Ordinaria da Mesa pola Normalización Lingüística (Nós Diario)
photo_camera Participantes da asemblea xeral ordinaria da Mesa pola Normalización Lingüística (Nós Diario)

Na súa asemblea anual ordinaria, celebrada este sábado en Compostela, a Mesa pola Normalización Lingüística incorporou dúas novas voces á súa comisión permantente: Lucía Barreiro (O Pino, 1991), docente de secundaria e coordinadora do Correlingua até xuño deste ano 2020, e Carlos García Vieito (Santa Comba, 1992), consultor promotor de iniciativas como Twitter en galego e Instagram en galego.

Lucía Barreiro explica a Nós Diario que quere “achegar o que aprendín no meu paso polo Correlingua e traballar coas compañeiras e compañeiros da Mesa para que cada vez máis persoas coñezan o traballo vital para a normalización da nosa lingua que se fai desde a asociación”. Barreiro cre que “é importante aumentar a actividade local nunha asociación que ten socios e case todos os concellos do país”.

Estas incorporacións súmanse ao equipo xestor da entidade, encabezado por Marcos Maceira (presidente), Elsa Quintas (vicepresidenta) e Celia Armas (secretaria xeral). Nas vogalías, continúan Mónica Pazos (quen foi vicepresidenta e secretaria xeral da Mesa), Manuel Rei, Manuel Carniceiro, Xosé María Cotelo e Paulo Filgueiras.

Aumentan as agresións ao galego coa Covid-19

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, asegura a Nós Diario que coa pandemia “aumentaron as agresións aos galego” e pon como exemplo que “no teléfono de atención ao coronavirus os formularios obrigaban ás teleoperadoras a empregar o español na atención ao público”. Maceira asegura que a entidade insistirá “en visibilizar todas as agresións que ten o galego e procurar alternativas tamén”.

Salienta, entre outras accións, a unha proposta de bases para a normalización do ensino con organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica como alternativa ao decreto do plurilingüísmo”.

O presidente da Mesa afirma que seguirán na liña de facer propostas que fagan ver que os poderes públicos poden actuar a favor do galego e naqueles ámbitos onde os poderes públicos non actúan, que son moitos” e en función das súas posibilidades “tentar cubrir eses espazos que a Xunta non fai”. Por este motivo procuran “ampliar as socias e socios da mesa para poder manter a nosa actividade nun nivel alto”.

Comentarios