Opinión

A lóxica bíblica do Goberno español

Noutros tempos era moi común tirar conclusións políticas das Sagradas Escrituras. Teóricos como o francés Bossuet escribiron libros buscando as reflexións que sobre a arte do Goberno se podían extraer das ensinanzas de Cristo e seus apóstolos. Co tempo pasaron de moda tales escritos, pero creo que un analista de hoxe centrado na actualidade política galega podería seguir usando con proveito os libros do Novo Testamento e moi especialmente se a súa análise se centra na cuestión da débeda que o Estado ten con Galiza a respeito do IVA.

No seu evanxelio San Mateus descrébenos o chamado efecto que dende que Robert Merton o teorizou leva seu nome. O efecto de Mateus dinos que a quen xa ten seralle dado e quen nada ou pouco ten seralle quitado. Isto explica por exemplo por que damos máis esmola cando quen nos pide é xa rico que cando este é pobre (como ben se se sabe en moitas organizacións benéficas, que usan persoas ben vestidas para pedir, sabendo que así van recibir máis) ou facemos mellores regalos e convites a ricos que a pobres. Este fenómeno dáse aínda en maior medida no ámbito da política: nos territorios máis ricos acostuman a recibir máis investimentos e fondos que o resto (véxase o caso de Madrid, por exemplo, que conta con autoestradas e AVE a todas partes e aínda por riba son vendidas como investimentos nas comunidades menos adiantadas). A evidente desigualdade de trato estes días con respecto aos cataláns e a promesa de investimentos futuros mentres a outras comunidades se lles nega incluso o que é delas é boa proba do dito (comprender a causa catalá non implica negar a inxustiza do feito).

Outra lección que podemos tirar das sagradas escrituras é a do fillo pródigo. Como é ben sabido este reclamou a súa parte da herdanza en vida do seu pai e gastouna toda en festas e vicios. Ao ficar arruinado e pasar fame decidiu voltar ao fogar paterno, onde foi recibido con ledicia polo seu pai, quen organizou unha gran festa na súa honra. Quen non quedou moi contento foi o irmán, quen quedara a coidar do pai e nunca recibira agasallo semellante na súa vida. Este reclamou ao vello sen moito éxito, recebendo unha famosa resposta sobre o valor do arrepentimento a ollos de Deus. Pero esta parábola tamén ten súa aplicación na política, pois os gobernos adoitan comportarse igual co pai do relato bíblico e o español especialmente. Galiza foi unha comunidade seria e cumpridora co déficit nos últimos anos (quizás porque na nosa cultura esta moi arraigado aínda o valor do aforro e a seriedade nas contas). Nunca tivemos que recorrer ao fondo estatal, que foi o mellor que puidemos ter feito pois se non agora descubririamos, como Murcia ou Andalucía acaban de facer, que isto implica a posible intervención estatal nas contas públicas galegas. O premio que se lle dá é primeiro non pagarlle o que se lle debe e segundo "compensala" con permitirlle superar o déficit. A lóxica da actuación política é esa, como se aprende na Biblia, e moito me temo que co actual sistema de relacións co Estado vai seguir pasando.

Comentarios