Opinión

A loita polo recoñecemento que non entende o supremacismo

Algúns pensaron e outros creron que as mutacións asociadas a esta nova lóxica societal que é a posmodernidade ían traer, xunto co fin das grandes narracións, a desaparición das identidades nacionais. Curiosamente vaticinaron que nunha era que se abría ao agromar das identidades múltiples e ás múltiples identidades íase prescindir ou íase sobrevoar por cima das identidades nacionais; algo fallaba na teoría e algo na práctica. Así, desde a transición española máis de corenta novos Estados fan parte da sociedade internacional, case que a quinta parte dos existentes. Malia o incuestionábel do fenómeno, enfoques diverxentes coincidían en negar ou en contrapor dúas reivindicacións de xustiza social: a da distribución da riqueza e a da esixencia de recoñecemento. Dous prestixiosos intelectuais como son Anxel Honneth e Nancy Fraser, por mencionar os que máis teñen adicado ao tema, levan anos insistindo en que o recoñecemento nunca se pode formular coma antítese á demanda de xustiza social, senón que fai parte inseparábel desta.

Desde a transición española máis de corenta novos Estados fan parte da sociedade internacional, case que a quinta parte dos existentes

 

Recoñecer a alguén, en palabras de Honneth, significa percibir no alleo unha cualidade de valor que nos motiva intrinsicamente a comportarnos xa non de xeito egocéntrico, senón axeitado aos propósitos, desexos ou necesidades dos demáis; o comportamento de recoñecemento oriéntase non polos propios propósitos, mais si polas cualidades avaliativas dos demais. A identidade é un proceso de identificacións historicamente apropiadas que lle confiren sentido a un grupo social e danlle estruturas significativas para asumirse coma unidade e a identidade nacional fai parte destes procesos de pertenza a unha nación. Negar as identidades é negar o recoñecemento e, xa que logo, tratar con desprezo, cun tipo de humillación referida negativamente ao valor social dos individuos que se sinten parte dun grupo. A sociedade global esta sulcada por unha xerarquía clara e despiadada de identidades e estas son desiguais porque os seus protagonistas gozan de distintas posicions de riqueza e de poder.

O recoñecemento é un acto moral que non ten valor instrumental para lograr obxectivos máis consensuados; o recoñecemento ten valor por si mesmo ao facilitar o desenvolvemento e a realización persoal. A privación ou negación do recoñecemento é unha agresión que orixina un dano a quen o padece e en España non hai recoñecemento dos feitos nacionais. Comezando polas prácticas e acabando no texto constitucional non se admite máis pertenza que á da nación española. Non se entende nin se quere entender que hai tres comunidades nacionais que non pretenden vivir contra España (isto resultaría nunha agonía insoportábel), senón que queren vivir ao marxe, libremente, sen tutelas; que queren poder decidir, sen acritude, como se estabelecen os vínculos e as relacións. Non se entende nin hai esforzo por entender que estamos fartos de que se eleve ao altar da imparcialidade un modelo político que nos nega o recoñecemento a evoluir na dirección que estimemos conveniente. Estamos cansos de que nos digan que os seus horizontes son os únicos con sentido e significado; de que a única opción viábel sexa abandonar a nosa suposta barbarie e a nosa suposta ignorancia para abrazar, polas boas ou polas malas, a única fe política verdadeira que profesan. Hai supremacismos raciais, relixiosos, culturais, de xénero, de casta e tamén de nacións.

Hai supremacismos raciais, relixiosos, culturais, de xénero, de casta e tamén de nacións

 

Observamos e comprobamos que, malia os procesos de globalización, a nación define un espazo xeográfico no interior do cal realízanse arelas políticas e proxectos sociais e persoais. Neste sentido os estados-nación non son exclusivamente entidades político administrativas, mais si tamén instancias de produción de sentido. Como pode alporizar que un pobo procure pactar e negociar, sen éxito, a expresión nas urnas dun futuro de seu? Como pode sorprender que se reclame un Estado propio se non se ten en consideración máis que un único e incuestionábel marco nacional? Só un supremacismo nacionalista reacciona sentíndose desafiado. Fornecerse dunha estrutura estatal que garanta a soberanía dunha comunidade é, ás veces, o único remedio de sobrevivencia para os grupos nacionais que non son recoñecidos nin tomados en consideración para debater ou negociar sobre as súas arelas. Con esa claridade expositiva que o caracteriza, Boaventura de Sousa Santos albisca que se ben o capitalismo como modo de produción é xa internacional, a produción da sociedade ten lugar principalmente no ámbito nacional. Advirte, ao mesmo tempo, contra a desarticulación e fractura entre as políticas de igualdade e as de identidade; contra esas políticas de uniformización que, agachadas tras un discurso de igualdade legal, acaban provocando que as lexítimas diferenzas rematen en desigualdades inxustas e inaceptabeis.

No Estado español a democracia está eivada, non exclusivamente pola desigualdade social, a corrupción ou o enquistamento de prácticas e modos propios de reximes autoritarios, senón pola falta de recoñecemento de feitos nacionais diferenciados e pola agresividade e belixerancia contra dos mesmos impedindo a capacidade para decidir libre e pacificamente o modelo de convivencia entre os pobos.

Comentarios