A loita contra o lume exixe un novo acordo

Mobilizacións do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios fronte á sede da Consellaría de Medio Ambiente.
A concentración tivo lugar xunto á sede da Xunta da Galiza, en San Caetano (Compostela). (Foto: Arxina)
photo_camera A concentración tivo lugar xunto á sede da Xunta da Galiza, en San Caetano (Compostela). (Foto: Arxina)

A pesar de que o período de alto risco de lumes non comeza oficialmente até mañá, 1 de xullo, a día de hoxe a Xunta da Galiza carece aínda de estratexia e de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinaren a loita contra os incendios forestais no noso país.

Por iso, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UXT, ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios forestais da Consellaría de Medio Rural, protagonizaron durante a xornada de onte mobilizacións  diante da consellería do Medio Rural, desenvolvendo ademais da concentración unha asemblea na que participou todo o persoal empregado público afectado. 

Nesta asemblea acordáronse novas medidas de presión e denuncia da "ausencia de estratexias de funcionamento" do servizo de incendios da Consellaría de Medio Rural co persoal que coordina e xestiona a defensa contra os incendios forestais da Galiza.

Cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 "desfasado polos cambios na Consellaría, distribución de persoal e as condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais", as organizacións sindicais sosteñen que non está asegurada "a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais".

Este acordo foi denunciado por CIG, CCOO, CSIF e UXT o 30 de agosto de 2019, despois de tentar a súa modificación desde maio de 2018, xa que "contradí varios preceptos da normativa laboral", polo que reclaman con urxencia a sinatura dun novo acordo.

Comentarios