Os litixios por alugueiros de vivendas medran 39% na Galiza

A difícil situación económica pola que atravesan moitas familias galegas fixo que os litixios asociados ao alugueiro de vivenda disparáranse na Galiza 39% no último ano.
Atopar pisos de alugueiro en Compostela é cada vez máis difícil (Arxina).
photo_camera Atopar pisos de alugueiro en Compostela é cada vez máis difícil (Arxina).

Galiza está á cabeza do Estado español no que a aumento da litixiosidade relacionada cos arrendamentos urbanos se refire. Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o crecemento dos procesos xudiciais no mercado galego do alugueiro foi de 39% o pasado ano, cun total de 593 preitos en 2019 que contrastan cos 166 do exercicio anterior.

O principal motivo de disputa son os impagamentos das rendas e, en menor medida, polo incumprimento das cláusulas estipuladas no contrato de arrendamento.

En 2019, na Galiza dictáronse 454 sentencias por débedas nas mensualidades, o que supón un alza de 47%, xa que en 2018 contabilizáronse un total de 309. O aumento deste tipo de preitos, que representan 76,5% do total, sitúan a Galiza como o territorio no que máis aumentan este tipo de procedementos de todo o Estado español, seguida de Asturias (33,7%) e A Rioxa (25,5%).

Menos oferta

A suba dos prezos do alugueiro e a difícil situación económica pola que atravesan moitas familias, e que se pode ver agravada pola crise da COVID-19, están detrás de moitos destes impagamentos. 

Na Galiza, máis de 20% dos fogares está en réxime de alugueiro, unha porcentaxe que foi en aumento nos últimos anos, por unha parte por un cambio de mentalidade da poboación, mais tamén polas dificultades para acceder a unha vivenda en propiedade.

O aumento da demanda reduciu por baixo das 3.300 o número de vivendas no mercado galego do alugueiro. A situación é especialmente complicada en cidades como A Coruña, Compostela, Vigo e Lugo, onde os arrendamentos vacacionais tamén contribuíron a contraer o mercado e a tirar dos prezos á alza. Se a isto sumamos o escaso investimento da Xunta en materia de vivenda de protección, que impide ás familias galegas atopar un fogar acorde coa súa situación económica, o aumento da litixiosidade pode marcar tendencia na Galiza.

Caída da rendibilidade

Os impagamentos fan que a rendibilidade neta das vivendas en alugueiro experimenten unha "brusca" caída. Así, desde a Axencia Negociadora do Alugueiro sinalan que xa é habitual atopara impagamentos de rendas de tres meses que mesmo poden chegar aos seis, o que "tira por terra a rendibilidade neta, que baixaría catro puntos até situarse, como máximo en 3,5% para este ano", sinala o seu director, Sergio Zurdo.

Con todo, sinala que o alugueiro segue a ser a elección máis rendíbel en comparación co resto de produtos financeiros e que as rendibilidades netas poden acadar 7,93%, sempre que se tomen medidas preventivas para evitar impagamentos e desfeitas. Nesta liña, Zurdo indica que pór un prezo de alugueiro competitivo permite exixir aos inquilinos maiores garantías para evitar no futuro posíbeis impagamentos.

Comentarios