Imprimir

A literatura e a escena ante as crises e as pandemias

Redacción | 19 de novembro de 2020

Branca Novoneyra participa nunha mesa redonda o 20 de novembro. (Foto: Nós Diario)
Branca Novoneyra participa nunha mesa redonda o 20 de novembro. (Foto: Nós Diario)
Os días 20 e 21 de novembro desenvólvese, no espazo Normal da Universidade da Coruña (UdC), a V Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias.

A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias está organizada pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) e que nesta ocasión se ve na obriga de desenvolverse en formato virtual a través da canle de Youtube da asociación.

Desde a organización explícase a necesidade de levar a cabo o evento, aínda que non poida ser presencial, porque "desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, para reivindicar, apuntar ou interrogar a comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais".

As crises económica e sanitaria deste comezo do século XXI "estabeleceron unha orde de prioridades que adoita deixar en segundo plano necesidades básicas, que están na constitución do humano, como a realización cultural", recalcan.

Mesas redondas e Festival Pezas de teatro do porvir

Na xornada de mañá, de tarde, contarase coa presenza de Branca Novoneyra e AveLina Pérez e de Mercedes Queixas e Mercedes Rosón en cadansúa mesa redonda. Ao remate, aula maxistral co dramaturgo luso, Mickael de Oliveira.

O sábado, o evento desenvolveranse durante todo o día, no III Festival "Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática".

Unha convocatoria aberta a sete proxectos, catro da Galiza e tres de Portugal, de dramaturxia de diversas modalidades escénicas, individuais ou colectivos, das que se achegará un fragmento que se transmitirá, tamén, en liña.

Logo de cada interpretación haberá un breve relatorio, dun máximo de 15 minutos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/literatura-escena-crises-pandemias/20201119203408109445.html


© 2020 Nós Diario