A 'lista vermella' do patrimonio galego

A iniciativa ‘Patrimonio Galego’ elabora un mapa de bens culturais de Galiza en perigo inminente: de conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos. Falamos co xornalista e profesor Manuel Gago dunha realidade á que a sociedade galega, di, é cada vez máis perceptiva.

santo estevo de pardollán

O Convento de Montecubeiro (Castroverde), a Ponte Cabirta (Bugallido-Ames), o Círculo Lítico de Castrotión (Oca-A Estrada) ou a Igrexa de Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) son só catro exemplos de bens patrimoniais galegos que figuran na ‘lista vermella’ elaborada por ‘Patrimonio Galego’, unha iniciativa impulsada por xente procedente de diversos ámbitos e cun obxectivo común: ter unha imaxe xeral do patrimonio que hai no noso país e do seu estado. Manuel Gago, xornalista e experto en patrimonio, explica, en conversa con Sermos Galiza, que este paso veu dado ao non haber "ningunha base pública do inventario que hai en Galiza. A Xunta ten, mais non son públicos, é complicado consultala”.

Ante un escenario no que “non sabemos cantos bens culturais hai en Galiza”, decidiuse apostar en poñer en marcha ‘Patrimonio Galego’, unha iniciativa aberta a colaboracións, achegas e participacións. E grazas a iso, e ao traballo constante dos e das promotoras, PG leva xa máis de 6.500 bens catalogados.

“Estamos reinterpretando como pobo a nosa relación co patrimonio”, afirma Manuel Gago

No marco deste traballo, PG tamén elabora unha ‘Lista Vermella’, que esta formada “por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. Na actualidade hai uns corenta, mais a cifra vai aumentando progresivamente. “Cremos que o patrimonio ten que ter unha axenda propia e pública”, salienta Gago, consciente da necesidade “de facer visíbel o moito que nos xogamos” na defensa do patrimonio.

Implicación

Está PG suplindo un oco – a defensa e valorización do patrimonio- abandonado pola administración? Manuel Gago considera que nos últimos 25 anos producíronse avances importantes, mais os orzamentos para patrimonio levan anos ou ben estancados ou ben minguando. “E estamos a falar duns orzamentos xa de por si moi pequenos”, apunta. A Dirección Xeral de Traballo non só non ten orzamento de abondo, di, senón que tamén ten que facer fronte á un inxente traballo, “está colapsada”. Para este xornalista, nun país como Galiza, “onde o patrimonio é importante en moitos aspectos, mesmo no turístico”, esta cuestión debería de ser tratado desde un punto de vista “estratéxico” no económico e no social.

A Dirección Xeral de Traballo non só non ten orzamento de abondo, di, senón que tamén ten que facer fronte a un inxente traballo, “está colapsada”.

Está PG cubrindo un oco a respecto do patrimonio deixado pola indeferencia e desleixo da sociedade galega? “A sociedade galega está redifinindo a súa relación co patrimonio” afirma Gago, “xa pasou o ciclo no que se desentendeu del”. Considera que estamos a vivir uns tempos “interesantes” no que agroman no país proxectos e iniciativas de base e sociais moi interesantes en torno ao patrimonio. “Galiza é un dos territorios do Estado español onde se están a dar cousas máis interesantes en canto a defensa do patrimonio”. Mesmo, asegura, desde perspectivas nas que “se amplía o que se entende por patrimonio” para abranguer tamén aqueles bens culturais e sociais que teñen un valor identitario, de memoria común ou doutro tipo para vilas e cidades. “Estamos reinterpretando como pobo a nosa relación co patrimonio”, conclúe.

Fotos:

1) San Estevo de Pardollán (Rubiá).Ten a súa orixe no século XII, e foi igrexa parroquial até mediados do século XX, cando se construíu o templo actual, dependente da diocese se Astorga. Foi abandonada      

2) San Salvador de Albeos (Crecente). Na parroquia de Albeos, lugar onde naceu San Paio, consérvanse en pésimas condicións as ruinas dun mosteiro románico de freiras bieitas. 

Ambas imaxes foron tiradas de Patrimonio Galego. Tamén a de portada, o Cromlech de Castrotión (Oca-A Estrada)

Comentarios