Opinión

A lingua como eixo do nacionalismo galego, en Frei Martín Sarmiento

Reparemos a rehabilitación do ilustrado Frei Martín Sarmiento que tivo na defensa da primacía do idioma galego fronte ao castelán denominador común de todos os seus escritos e concertos de estudo. Estamos ante unha pragmática proposta nacionalista da Galiza  actual. Non deixa de sorprender o radicalismo con que tomou a defensa da nosa lingua, fronte a unha serie de cuestións que converxían na uniformidade do castelán, erixido pola casta borbónica, introducindo conceptos do centralismo francés, e doutras resabidas imposicións uniformadas do acedo nacionalismo castelán do Conde Duque de Olivares no século XVII. Mais o século XVIII imperou ese centralismo do antigo réxime de Luís XIV, introducido polo seu neto, Felipe V. Mais a ilustración, posta en debate, tivo no noso Martín Sarmiento o sabio escudriñador de todo o noso existencialismo vital, expresando o valor e a contundencia que tiña para os galegos o noso idioma.

Actualmente estamos no contexto do século XVIII que nos describe o Pai Sarmiento, con relación a situación do noso idioma? Hai elementos invariábeis daquela situación que nos fai pensar que aqueles traumas continúan existindo, cando lemos ao sabio beneditino nesta cuestión: “Que no la hablen cuando no les han de entender, es cortesía natural. Pero ¿que la olviden? ¿Que la desprecien? ¿Que no la cultiven? ¿Que no procuren penetrarla? Esa es fatuidad que no se debe tolerar, ni en los que la solicitan, ni en que los que la ejecutan”. Neste compoñente nacionalista, xorde a crítica de Sarmiento contra a mobilidade de estranxeiros que entraban en Galiza, considerando como tais os casteláns, sinalando: “En toda república bien gobernada se deben acomodar los estranjeros a la lengua usual del país. Y no los del país a las lenguas de los estranjeros”.  

Actualmente estamos no contexto do século XVIII que nos describe o Pai Sarmiento, con relación a situación do noso idioma?

 

Este pronunciamento defensivo concorre ao fermento dun ideario nacionalista fronte á intromisión do idioma castelán e das contradicións que este produciu na Galiza do século XVIII, entre o choque da sociedade rural de fala galega, e da urbana representada por unha burguesía administrativa que impuxo o castelán; por unha nobreza con comportamentos medievalistas e por un clero asoballador e de fala castelán. Sobre este último matiza: “Esos [o clero] han sido los que, por no saber la lengua gallega, ni por palabra ni por escrito, han introducido la monstruosidad de escribir en castellano para los que no saben sino el gallego puro. Esa monstruosidad es más visible en empleos eclesiásticos. No sé como toleran los obispos que curas que no son gallegos ni saben la lengua tengan empleo ad curam animarum”. Tamén, a crítica é moi puntual contra os mestres foráneos: "Si uno de esos no sabe la lengua nativa de un niño o, si es patriota, la ha olvidado de todo, ¿en que lengua se ha de explicar con el niño? ¿Quién de los dos se debe acomodar a una lengua sola, el niño a la que, fuera de la provincial, ha mamado el maestro, o éste a la que el niño ha mamado? Luego, el maestro que fuera incapaz de acomodarse así, como lo dicta la razón natural que se acomode, debe volverse a su tierra, si es extraño; y si es compatriota [galego] debe estudiar primero la lengua nativa antes de entremeterse a ser maestro”. 

As suxestións de Sarmiento, obrigatoriamente, tennos que levar a unha reflexión pormenorizada e permanente sobre a escasa mobilidade do idioma galego nos medios de ensino, nos oficios relixiosos e nas administracións públicas do noso país. Unha reflexión que demanda crítica, debate e acción. Sobre todo temos que emanciparnos de autoestima para valorar o que somos, no contexto identitario; buscar o diagnóstico para superar os atrancos e as indecisións que non se toman. Levamos moitos anos falando de normalización e moi pouco de descolonización. Sen descolonización non hai normalización. Pasaron case trescentos anos desede que Pai Martín Sarmiento advertise: “La respuesta está patente que Galicia llora y llorará siempre; no los gallegos, sino los no gallegos que a los principios del siglo XVI inundaron el reino de Galicia, no para cultivar sus tierras, sino para hacerse carne y sangre de los mejores y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles. Esos han sido los que, por no saber la lengua gallega ni por palabra ni por escrito, han introducido la monstruosidad de escribir en castellano para los que no saben sino el gallego”.

Levamos moitos anos falando de normalización e moi pouco de descolonización. Sen descolonización non hai normalización

 

Frei Martín Sarmiento temos que seleccionalo para erixilo no pedestal mais alto, dos “bos e xenerosos”, como precursor do nacionalismo galego. En todas as connotacións que vemos na súa inmensa obra está a defensa do idioma galego, no que se fundamenta a nosa idiosincrasia nacional. O monxe beneditino foi capaz de dixerir aqueles atributos de nación e expoñelos en causa ante tantas renuncias admitidas polos poderosos que dominaron Galiza durante séculos. Sarmiento foi ese sabio que penetrou na alma popular e amou a cultura rústica de permanencia. Codificou a sabedoría dos rústicos nos seus Apuntamientos. A Galiza labrega recollida por Sarmiento en tantas tradicións populares que sustentaron os nosos ancestros. Un espírito ben creativo e ben distinto ao de Benito Feixóo, tan desexoso de eliminar as tradicións populares galegas. 

O Pai Sarmiento procurou as esencias vitais da nosa personalidade que el atopou na rusticidade aldeán, recollendo usos e tradicións populares, voces galegas e converténdose en animador de recuperar e usar palabras galegas extirpadas polo idioma castelán. Visualizando os problemas polos que pasa o idioma galego actualmente, parece que estamos prostrados na mesma situación diagnosticada por Martín Sarmiento.
 

Comentarios