Opinión

Lingua e poder

Como lle pasa a todos os pobos colonizados, padecemos unha fonda alienación a respecto da nosa propia realidade, en particular a lingüística. Tan é así que somos, á vez que vítimas, axentes efectivos dun dominio que vai aniquilando a lingua que, como pobo, creamos e desenvolvemos como alicerce da nosa especificidade. Porén, non foi así sempre.

De facermos unha ollada retrospectiva, ficariamos abraiados vendo o comportamento lingüístico da sociedade galega, por exemplo, entre os séculos XIII e XV, por cinguirnos á etapa da súa eclosión escrita. Era unha sociedade galegofalante sen fisuras nin dúbidas ao respecto, que, ademais, foi substituíndo na escrita o latín polo seu idioma, en todas as funcións, desde as artísticas ás pragmáticas.

Para esa sociedade, a lingua definía un espazo de comunicación coherente e homoxéneo, o propio, o do reino da Galiza (incluído O Berzo e A Seabra) e tamén o do reino de Portugal, nado no mesmo espazo natural galego orixinario. Ninguén dubidaba de ser a mesma lingua a de aquén e alén do Miño, malia a existencia de dous reinos, e a Galiza entrar a formar parte desde 1230 dunha monarquía plurinacional de cerna castelá. 

Malia a devandita integración, as clases dirixentes seguiron acoutando o espazo de comunicación propio, que definía un espazo de poder. Dentro do país, oralmente galego para todo; na escrita, preponderancia absoluta do noso idioma, agás excepcións en latín (en medios eclesiásticos) e moito menores en castelán (principalmente chegadas ou promovidas desde fóra, a chancelaría real).

Emociona comprobar a unanimidade da nobreza, o mundo eclesiástico e os burgueses exercendo tamén as funcións máis formais en galego, a lingua que falaban todos, incluída a grande masa labrega. Para esta, cando menos, era intelixíbel escoitar a leitura daqueles documentos escritos na súa lingua. Este era o comportamento propio dunha comunidade protonacional. Espazo de comunicación propio e poder representativo correspondente definíanse polo uso idiomático.

A vontade e decisión eran tan rexas e decididas ao respeito que, por exemplo, un señor como Estêvão Fernandes de Castro entregaba unha carta de arras en galego, coa presenza e testemuña do rei Sancho IV, en Valladolid, en nome do seu fillo aínda menor Fernando, para o casar con Violante, a filla do monarca. Os arcebispos estranxeiros de Santiago tiñan que se acomodar á lingua do cabido, fosen casteláns ou franceses, como Suero Gómez de Toledo ou Berenguel de Landoira. Os burgueses de todas as vilas e cidades expresaban os seus descontentos e esixencias, e as normas de funcionamento dos concellos na lingua que falaban, o galego. 

Veñamos a hoxe e vexamos como se interiorizou o dominio e a exclusión. Carece a nosa lingua do espazo de comunicación propio en que ser preponderante ou hexemónica sequera, xa que non exclusiva. Un exemplo: quen dirixe unha reunión pregunta se hai alguén de fóra, non galego; de habelo, exclúese xa o seu uso. O de fóra determina se hai ou non permiso para facelo. Outro: xustifícase como unha norma de educación contestar en español aquí a quen cho fala; o resultado é a desaparición do galego.

A suposta norma de educación agocha a admisión da subordinación que o dominio social do español estabelece. Hoxe xa hai quen usa o español coa fachenda ou a impasibilidade de crelo tan propio de Galiza como o galego, e por suposto con todos os dereitos e deberes que ao galego non se lle recoñecen. Un idioma non pode subsistir sen espazo de comunicación colectiva propio (velaí a necesidade da súa restauración) e carente de poder para defendelo (velaí a necesidade de mudanza política e de actitude social).

Comentarios