Opinión

Lingua e dereitos

O povo galego creou a súa lingua para usala como necesidade social. Só deixa de utilizala cando lle é arrebatada mediante diferentes mecanismos de substitución. Ningún proceso natural encerra xenreira polo propio e mudanza polo alleo. Son, por tanto, procesos de dominio e colonización os que actúan coa intención de ir borrando a nosa identidade nacional e así a súa marca máis relevante, a lingua. O sometemento como nación, prohíbenos o exercicio do dereito fundamental a vivirmos no noso idioma. Procurase adormecer as conciencias para que se perciba como insignificante, sen valor e utilidade a nosa lingua e negar todo o que nos fai ser galegos e galegas.

Esta ideoloxía e práctica españolizadora é a que sustenta a Xunta de Galiza, mesmo, incumprindo os cativos dereitos que lle asisten ao noso idioma. O seu presidente pavonea da submisión aos designios do centralismo, converténdose en estilete e executor do deseño dependente ao que nos ten condenado o Estado Español. Mentres, persegue e discrimina a nosa lingua, pregoa a “pax lingüística” coa intención de silenciar e impedir que afloren publicamente os conflitos que evidencian a falta de dereitos para o galego e a imposibilidade do seu uso en moitos ámbitos e situacións. Saben que os avances na normalización lingüística teñen que ver cunha actitude e práctica firme e reivindicativa que xera confronto e conflito lingüístico. Toda relación de dominio ou opresión -sexa esta de clase, de xénero ou lingüística- só se pode vencer coa loita. Por iso, teiman en afirmar que en Galiza non hai conflito lingüístico. Porque saben que a a Pax lingüística leva renunciar á conquista de dereitos e usos para o galego e pode supor a súa agonía como lingua viva.

O Estatuto de Autonomía vai cumprir, en abril, 39 anos de vixencia e, en xuño, 37 a Lei de normalización Lingüística e nunca tan pouco galego se falou. Hoxe, os galego-falantes son minoría. Decrecen, aceleradamente, os que teñen o galego como lingua maioritaria e a ruptura xeracional co uso do noso idioma e cada vez máis agudizada. O galego continúa a estar excluído ou perseguido da maioría de usos sociais e públicos. A posibilidade de vivir en galego as 24 hora do día, por moito empeño que se lle poña e conflito que se enfronte, continúa sendo unha quimera. Este é o resultado dunha política lingüística efectiva e eficaz, que apuntala a diglosia, avanza na aniquilación da lingua e cimenta un futuro incerto para a mesma.

O marco xurídico-político autonómico amosouse inservíbel para avanzar na normalización lingüística. A nosa lingua ten tan minguados os seus dereitos que, tal como dita o Decreto para o plurilingüismo no ensino, o alumnado ten prohibido recibir aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego e, ao mesmo tempo, promóvese que as reciba en Ingés. Máis dereitos para as linguas estranxeiras que para a nosa. Aos galegos e galegas exímeselle da obriga de coñecer a lingua propia de Galiza, mais están obrigados a coñecer o español (artigo 3 da constitución e sentenza do Tribunal Constitucional). Os dereitos prescritivos son só para o idioma imposto, o dominante e alleo. Ao idioma nacional, o propio, perséguese, aldráxase e condénase á marxinalidade. Se a ausencia de poder político soberano lle sumamos a falta total de vontade política para promover a normalización lingüística e activar o uso da nosa lingua, damos, en boa medida, coas causas do devalo do noso idioma.

A lingua galega precisa ter e exercer todos os dereitos (o deber de coñecela e o dereito a usala) e  promover a súa plena normalización, tal como recolle a carta de Dereitos do Povo Galego, promovida pola plataforma Vía Galega. Necesitamos unha política lingüística oposta á actual, que implique galeguizar e ministrar todo o ensino en galego. Fixar o uso da nosa lingua na administración, na xustiza, na sanidade, na igrexa, nos medios de comunicación... É dicir, en toda circunstancia, relación social e lugar. Para isto imponse unha mudanza política, na que os galegos e galegas poidamos exercer como nación soberana. Única garantía para asegurar o uso social e normalizado da nosa lingua.

Comentarios