Liñares culpa das irregularidades nos contratos da Confederación Miño-Sil ao empresariado

O xuízo contra o ex presidente do organismo xestor da conca, Francisco Fernández Liñares, comezou hoxe. Esta causa, xurdida a raíz da investigación da 'Operación Pokemon', implícao en supostos delitos de prevaricación e suborno. Na primeira sesión, achacou calquera ilegalidade ás empresas que loitaban polas concesións.
Liñares durante a primeira sesión do xuízo. (Foto: C. Castro / Pool / Europa Press)
photo_camera Liñares durante a primeira sesión do xuízo. (Foto: C. Castro / Pool / Europa Press)

O ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, -que tamén fora concelleiro en Lugo con anterioridade- enfrontou hoxe a primeira sesión do xuízo polo que está acusado de supostos delitos de prevaricación e suborno cando era o principal xestor deste organismo. A Fiscalía demanda para el e o resto de acusados cinco anos de cadea e a habilitación para obter axudas públicas.

Malia as explicacións do ministerio público, Liñares rexeitou a acusación de ter cobrado pagos de entre 15.000 e 25.000 euros por parte daquelas empresas que conseguiron contratos coa entidade entre 2009 e 2012. Cando foi preguntado a este respecto respondeu: "Absolutamente non".

Como defensa afirmou que no seu despacho "nunca había un expediente" nin se encargaba de gardar "ningún documento" relacionado coas licitacións e adxudicacións, pois estes estaban "no servizo de contratación ou as mesas de contratación". Porén, chégase a esta vista coa Xustiza porque, supostamente, Liñares acordara con varias compañías a presentación a ofertas cuxa adxudicación ía rotando entre as mesmas ao longo do tempo.

Precisamente por iso, pídense cinco anos por suborno e dez anos de inhabilitación para ocupar un cargo público. No caso das e dos responsábeis das empresas vinculadas a esta posíbel trama, a Fiscalía demanda tamén a inhabilitación de seis anos para presentarse a licitacións da Administración e para acceder a axudas ou subvencións de carácter público.

Mais un dos argumentos do acusado para rexeitar a relación cos negocios, cuxos responsábeis aseguraron ter recibido "invitacións directas a participar en adxudicacións, é que "non ten nin correo electrónico nin whatsapp" para facer tales comunicacións.

En calquera caso centrou as culpas no empresariado, pois comentou que "non lle estraña nada que as empresas tivesen acordos previos", aínda que o "descoñecía". "Sospeito que podería haber certos convenios entre eles", afirmou.

O movemento dos cartos

Só un dos empresarios procesados rexeitou facer entrega de contías a Liñares e negou tamén calquera contacto previo que lle puidese beneficiar á hora de conseguir adxudicacións. Precisamente, o avogado deste acusado foi o que pediu, nas cuestións previas, a nulidade do proceso por non contar coa documentación de Fiscalía completa, algo que foi rexeitado pola sala do tribunal ao sinalar que se houbese boa fe nesta advertencia fíxose con anterioridade a ese momento procesual.

O resto dos acusados repetiron un patrón de respostas á Fiscalía. Desta maneira, aseguraron que eran convidados as adxudicacións de forma previa, que nalgúns casos encargáronse de buscar ás empresas competidoras e que tiñan relación ou trato persoal co propio Liñares. Dixeron, ademais, que entregaban o diñeiro "en sobres" de forma persoal.

Comentarios