Lila de Lilith gaña o I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade

A Libraría de Mulleres Lila de Lilith gaña o I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade

premio begoña caamaño

A Libraría de Mulleres compostelá Lila de Lilith é a gañadora do  Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade da área de Cultura da Deputación da Coruña na súa primeira edición. Así o decidiu o xurado reunido na mañá desta terza feira ao destacar a condición de “espazo cultural de referencia para o feminismo” da libraría situada na capital galega

Un xurado composto por Mª Xosé Porteiro, Encarna Otero, Mª Xesús Nogueira  e Camiño Noia, coa xefa de servizo Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, en calidade de presidenta, decidiu por unanimidade premiar Lila de Lilith.

O xurado destacou que a Lila de Lilith, promovida por Patricia Porto Paderne, supón “un punto de encontro e traballo dos feminismos, unha aposta económica en momento de crise en que a actividade feminista e cultural era escasa, que contribuíu a dinamizar urbanística e economicamente a súa contorna demostrando que o feminismo é unha alternativa que xera traballo e riqueza cunha demanda consolidada no tempo”. Insistiu na súa condición de “única libraría feminista de Galiza que é xa un referente na cultura pola igualdade”.

Máis de vinte propostas presentadas por persoas e colectivos concorrían ao certame que por vez primeira convocaba a área de Cultura da Deputación da Coruña.  Goretti Sanmartí  insistiu no “recoñecemento que este premio supón para tantas iniciativas que están a traballar desde a cultura pola igualdade”. 

Comentarios