Lidia Senra reclama o impulso da Vía Nova

Dado que 2018 será o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, a eurodeputada Lidia Senra apela a impulsar a Vía Nova. Na xornada informativa e de debate organizada polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Senra denunciou as “políticas de abandono e desleixo por parte da Xunta e da maioría de concellos”.

Lidia Senra e Davide Perez inaugurando a xornada da Via Nova
photo_camera Davide Perez e Lidia Senra, inaugurando a xornada da Via Nova

“A promoción e conservación da Vía Nova debe formar parte das actividades deste Ano Europeo”, defendeu a europarlamentar Lidia Senra na inauguración da xornada “A Vía Nova: Un camiño de Europa”, coa que o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reivindica a importancia deste camiño.

A deputada do Parlamento Europeo chamou as autoridades galegas a se “poñeren as pilas” e a “aproveitaren” a oportunidade que vai supoñer o feito de que Estrasburgo proclamara 2018 Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Nesta liña, asegurou que fará “todo o que estea nas miñas mans” para que o Parlamento e a Comisión Europea coñezan a realidade da Vía Nova, “analizaremos a situación e apoiaremos todos os esforzos que están a facer diferentes asociacións para visibilizar a Vía e que se coñeza”.

“Este abandono do noso patrimonio cultural está moi ligado ao abandono do noso medio rural. Parece que aos poderes públicos non lles importa nada nin unha cousa nin a outra"

 Aliás, Lidia Senra expuxo na inauguración da xornada, da que tomaron parte máis de medio cento de persoas, a necesidade de acabar coas “actuais políticas de abandono e desleixo por parte da Xunta e da maioría dos concellos galegos” e de “impulsar este camiño primitivo que vai desde Braga a Astorga”.

“Este abandono do noso patrimonio cultural está moi ligado ao abandono do noso medio rural. Parece que aos poderes públicos non lles importa nada nin unha cousa nin a outra. De feito, vemos a diario políticas que pensan cada vez máis en manter as grandes industrias e promover o avance do capitalismo, fronte á defensa do pobo e do rural, que é polo que se debería apostar, xa que ademais de manter vivas estas zonas, contribúe a conservar o patrimonio”, sinalou.

 Intervencións

Na xornada da mañá, Davide Pérez López, arqueólogo e vogal de Cultura da Asociación de Montaña Arnau, cualificou a Vía Nova como “un tesouro” e reclamou un “futuro viábel” para este camiño, pois iso significaría dinamizar toda a comarca da Baixa Limia. Tamén tomaron a palabra Santiago Ferrer Sierra, arqueólogo de Valdeorras, pertencente ao Grupo Arqueolóxico Larouco; Manuel García Valdeiras, arqueólogo profesional da Limia; Manuel Rivero Pérez, antropólogo e voluntario social; Marta Delgado González, responsábel de Mira Xurés; Toño Monteiro, escultor e membro da Asociación Medioambiental Xuresianos-Geresianos AXUGE; e Xavier Perdiz, presidente da Asociación de Montaña Arnau, entre outros.

Após o xantar, e pasadas as 16h, encetou o percorrido a pé de 3 quilómetros pola Vía Nova, unha forma de reclamar que o camiño sexa declarado Patrimonio da Humanidade.

Comentarios