ENCONTRO EN POBRA DE TRIVES

Lidia Senra propón políticas activas que garantan a actividade agraria e gandeira en zonas de montaña

Pobra de Trives acolle este sábado a xornada “As figuras de protección medioambiental da UE en zonas de montaña”, un encontro no que participan persoas expertas en protección medioambiental, labregas e representantes de Parques Naturais.

[Imaxe: DavideManzaneda]
photo_camera [Imaxe: DavideManzaneda]

Co obxectivo de analizar, debater e poñer en valor as figuras medioambientais de protección nas zonas de montaña, AGE e mais o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) no que se integra no Parlamento Europeo organizan unha xornada en Pobra de Trives. Precisamente, foi a europarlamentar galega Lidia Senra a encargada de abrir o encontro cunha intervención na que chamou a desenvolver políticas activas que manteñan a actividade agraria e gandeira na montaña.

 A eurodeputada apelou a que as institucións non esquezan “as persoas que viven” nas zonas de montaña para “poder manter vivas estas zonas”. Neste sentido, salientou a necesidade de afondar no coñecemento das figuras de protección ambiental co fin de "explorar como aproveitar mellor este marco e como desenvolver actividades dentro del".

Da xornada deste sábado sairán iniciativas que AGE presentará nos distintos parlamentos

Lidia Senra afirmou que organizar xornadas como a deste sábado en Trives é “moi importante para visibilizar a problemática das montañas e das labregas, labregos e persoas que desenvolven nelas outras actividades". Engadiu que desta xornada sairán iniciativas que AGE presentará distintos parlamentos.

Programa

Na xornada, á que na sesión da mañá asistiron perto dun cento de persoas, participan como relatores Guzmán Ouro Vilariño, enxeñeiro de Montes, técnico agrícola e xefe do Servizo de Conservación da Natureza de Lugo, que foi presentado polo alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez; a dirixente do Sindicato Labrego Galego Isabel Vilalba Seivane e os expertos Víctor Andrés Álvarez Arias e Xosé Santos Otero, nunha mesa presentada polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez.

Xa na sesión da tarde, a pastora Neves Fernández e o membro de Labregos Daiquí Manuel García darán conta das súas experiencias na montaña e o alcalde de Somiedo, Belarmino Fernández será o encargado de pechar a xornada, cunha palestra na que falará arredor do Parque Natural asturiano nunha mesa que presentará o deputado de En Marea no Estado español Miguel Anxo Fernán-Vello.

Comentarios