Opinión

Lidia Senra, a esquerda e a falacia naturalista

“As vacinas conteñen aluminio, escualeno, antibióticos e polisorbato, entre outros componentes. Tamén teñen efectos secundarios, moitos colaterais, contraindicacións e consecuencias adversas que poden aparecer despois da vacinación, nalgúns casos conducentes á morte.

1.- A Comisión non considera que sería necesario asegurar que as familias e os empregados da saúde reciban información sobre todos os efectos secundarios que pode producir cada componente das vacinas, que estean suxeitas ao cuestionario previamente elaborado polas facultades médicas e que se estabelecera o consentimento informado?

2.- A Comisión non considera que ningún Estado membro debería obrigar a poboación a submeterse a unha práctica de risco e que a vacinación non debería ser obrigatoria en ningún estado, sendo que ninguén puido demostrar a seguridade das vacinas?”

Así se dirixía a deputada de AGE Lidia Senra á Comisión Europea en agosto deste ano. A resposta do comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria, o lituano Vitenis Andrukaitis, non por evidente foi menos contundente: “As vacinas autorízanse unicamente despois de que a súa calidade, seguridade e eficacia sexan avaliadas e se conclúa que hai un balance positivo entre os riscos e os beneficios relacionados co seu uso”. A choiva de críticas (incluído o sensato desmarque do seu propio partido, ANOVA) era previsible nun contexto no que enfermidades que xa haberían estar erradicadas (coma o sarampelo) volven estar na palestra por obra e graza dos antivacinas.

Asociacións de científicos e contra as pseudociencias criticaron a actitude de Senra a través das redes sociais nestes últimos días. Non obstante, a deputada, ao ser inquirida polo medio GCiencia, fixo varias declaracións que, ao meu coidar, son un fiel reflexo da raíz do problema; entre elas: “eu tamén pasei de pequena o sarampelo, como tanta outra xente”, “ hai xente que se cre Deus e que pode xogar coas persoas, ou que pensan que o único válido e certo é o que eles din”, mesmo que “igual os que se molestan pensan que o seu negocio pode sufrir se isto sae adiante”. Vamos, que co sarampelo non hai para tanto, que a opinión dos expertos e autoridades non é mellor que a de calquera outra persoa e que se alguén non pensa coma ela, ten que estar comprado ou ter intereses.

O máis grave non é o erro da deputada, xa que todos podemos errar nun campo que non dominamos (aínda que dunha parlamentaria cabería agardar que tivese asesores competentes), senón a súa incapacidade de decatarse de por que esta errada.

Primeiro, o sarampelo si é para tanto. Se a deputada se tivese documentado, sabería que o sarampelo non é unha enfermidade inofensiva nin unha cousa de nenos. Segundo datos da OMS, no 2016 houbo oitenta e nove mil setecentas oitenta defuncións por sarampelo en todo o mundo. A vacinación contra a enfermidade reduciu a mortalidade mundial por esta causa nun 84% entre 2000 e 2016. Estímase que entre 2000 e 2016, a vacina contra o sarampelo impediu máis de vinte millóns de mortes, o que a converte nun dos mellores investimentos en saúde pública da historia.

Se falamos da vella Europa, tras reducir nun 98% os casos de sarampelo entre 1993 e 2007, asistimos a un rebrote ─maiormente debido á causa antivacinas dalgúns sectores sociais e políticos como o Movemento 5 Estrelas de Beppe Grillo─, xa que a poboación inmunizada caeu por debaixo da recomendada do 95%.

Os brotes de sarampelo en curso na rexión europea da OMS causaron trinta e cinco mortes nos últimos doce meses computados (xullo de 2016 a xullo de 2017). A última fatalidade dese período foi un neno de seis anos en Italia, onde se produciron máis de tres mil trescentos casos de sarampelo e dúas mortes desde xuño de 2016. Outros países tamén informaron de brotes: segundo as autoridades de saúde pública, trinta e unha mortes en Romanía, unha en Alemaña e outra en Portugal.

Este último caso foi o de Inês Sampaio, unha rapaza portuguesa de dezasete anos de Varzea, que fora contaxiada por un meniño de 13 meses nun hospital de Cascais. Destaca neste caso que a rapaza morreu porque lle aconsellaran á súa familia non vacinarse por padecer de psoriasis, non por una cuestión de crenzas antivacinas. Mais o resultado foi igualmente tráxico: a ignorancia e a política da ignorancia, matan. Sobre todo nenos.

A ignorancia e a política da ignorancia, matan. Sobre todo nenos

 

O segundo, non todas as opinións son iguais, polo menos cando falamos de ciencia. Cando a deputada afirma que hai xente que se cre Deus, que xoga coas personas, e que o único válido e certo é o que ela di, habería mirar para si mesma. As súas declaracións criticando o consenso científico, sen aportar probas nin outros argumentos que a convicción persoal, son de por si graves nalguén da posición política da deputada. Pero inda máis: amosan un problema profundo de falta de cultura científica e discursiva na sociedade.

Dentro das moitas crenzas e falacias lóxicas que impregnan a sociedade actual a que, ao meu coidar, pode ter moito que ver coa irracionalidade de certos sectores da sociedade nestes asuntos é a falacia naturalista.

A falacia naturalista consiste en declarar que unha situación “natural” é a única correcta. O que saia desta naturalidade será antinatural e, polo tanto, negativo. En ocasións aparece ligada á tradición ou a supostas leis divinas.

Esta falacia foi empregada durante séculos para xustificar as maiores aberracións por autoridades relixiosas, civís ou mesmo científicas: a inferioridade da muller respecto do home, a homosexualidade como enfermidade ou a superioridade de determinadas razas, por poñer só algúns exemplos. 

Dun tempo a esta parte, porén, aparece asociada a un certo primitivismo e unha exaltación dos modelos tradicionais mal entendidos, e moitas veces vai unida a unha conspiranoia indefinida contra toda autoridade sanitaria ou científica. 

Tristemente, estas falacias parecen ter máis calado no pensamento de esquerdas

 

Tristemente, estas falacias parecen ter máis calado no pensamento de esquerdas. Con isto non debemos obviar que a dereita tamén ten as súas magufadas propias (dende o negacionismo climático á asunción de determinadas crenzas relixiosas como verdades sociais), mais nós temos que preocuparnos das nosas. Así, tratamentos médicos, ou as mesmas vacinas, poderían ser consideradas artificiais e, ademais, ao ser impostas polas autoridades, pasan a estar baixo sospeita para moitas persoas. Sen embargo, pouca xente cuestiona se cousas “de toda a vida” como o fume da lareira, as conservas caseiras ou facer a casa de pedra do país representan un perigo (e si, as tres poden selo, e está demostrado). 

Mais a realidade é teimuda e pouco lle teñen as crenzas (políticas ou doutra índole) da xente. E un político debería ter a capacidade de basearse na lóxica e nos feitos. As medidas médicas a tomar para un plan de vacinación teñen que estar baseadas en datos contrastados e argumentos, non en opinións persoais ou crenzas sen base. Ter dereito a opinar non é ter dereito a ter razón. En toda discusión hai un requisito mínimo de coñecemento do tema para ter unha participación “respectable”. Se unha opinión está baseada en algo irreal (por exemplo, “os cintos de seguridade quitan máis vidas das que salvan”), calquera argumentación posterior baseada en elo é ociosa e errónea. 

E este é o caso que nos ocupa: non hai un só dato real que apoie a postura da deputada contra a xeneralidade (outra cousa poderían ser casos particulares) do uso das vacinas.

Volvamos ao exemplo do sarampelo. Nos países desenvolvidos, a letalidade ronda o 0,1% (un de cada mil casos). En países en desenvolvemento, sobre todo naqueles onde o déficit de vitamina A e a exposición a outros patóxenos son comúns, a taxa de mortalidade pode chegar a ser do 3 ou do 6%, con especial incidencia en poboacións vulnerables como poden ser os refuxiados. 

Pode parecer pouco, pero os números falan por si sós nunha enfermidade que se contaxia facilmente. Antes da introdución e uso xeneralizado da vacina en 1963, cada dous ou tres anos houbo importantes epidemias de sarampelo que provocaban preto de dous con seis millóns de mortes ao ano.

Comparativamente, as contraindicacións graves da vacina (non necesariamente fatais), como anafilaxia ou encefalite, encóntranse no rango normal de casos por millón de vacinas (de 1 a 1,35 casos de anafilaxia por cada millón de vacinas, e de 0,4 a 2,3 casos de encefalite). A aplicación das vacinas poden ter un risco marxinal, coma case calquera cousa nesta vida. Mais os seus beneficios son infinitamente superiores en computo de vidas salvadas. Non se trata de algo discutible sen ir á casuística puntual e estatisticamente marxinal. Fonte: OMS.

Para rematar, non todo o mundo que difire da túa opinión necesariamente o fai por escuros intereses. Lidia Senra habería reflexionar sobre a súa afirmación de que “igual os que se molestan pensan que o seu negocio pode sufrir se isto sae adiante”, porque a xente pode estar errada sendo honesta (é o que penso respecto deste asunto de Lidia Senra, que erra honestamente). Mais tamén porque, como di un vello refrán, se alá onde vas todos cheiran mal, deberas mirar se levas algo pegado no zapato.

De igual xeito, se o consenso de toda a comunidade biosanitaria non é o seu e non ten argumentos de peso con que refutalo, salvo a súa opinión ou vagas afirmacións de terceiros… Entón, tal vez, habería repensalo. Errar é humano. Rectificar, de sabios.