III Gala do Libro Galego

O libro galego vístese de longo para recoller os seus premios anuais

O Teatro Principal de Compostela acolleu na tarde do sábado a terceira edición da Gala do Libro Galego, que entregou os galardóns cos que recoñeceu a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 na Galiza.

[SG] Premiadas e premiados na III Gala do Libro
photo_camera [SG] Premiadas e premiados na III Gala do Libro

Conducida pola actriz Isabel Risco, que puxo a nota de humor, e sobre as notas musicais da Banda da Loba tivo lugar no Teatro Principal de Compostela a III Gala do Libro Galego, a cita anual convocada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galiza para recoñecer o traballo do ámbito editorial galego.

Na súa terceira edición, os galardóns, que carecen de dotación económica, incorporaron novidades en relación ás categorías premiadas. Así, o premio de literatura infantil e xuvenil deu lugar a dúas modalidades diferenciadas e incorporáronse recoñecementos á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado. Aliás, os galardóns de Iniciativa cultural ou de fomento da lectura; Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano premio, pasaron a recoñecer a traxectoria, co fin de valorar a constancia ao longo do tempo.

Recolleu o premio ao Ensaio e investigación Antón Figueroa (Edicións Laiovento) por Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, ao entender o xurado –formado por Marga do Val, Mario Regueira, María Luz Corral, Óscar Villán, Susana Sánchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García– que a obra devolve á cultura galega e europea a figura da autora que nos situou no mapa dos estudos académicos.

O premio na categoría de Divulgación recaeu en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais), de Xurxo Mariño, cualificado polo xuri como “único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo”.

Acadou o premio de Narrativa A nena do abrigo de astracán (Xerais), de Xabier P. Docampo, pola “mestría do autor á hora de empregar o medio e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista”, mentres que A señorita Bubble (Xerais), de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide, logrou o premio da categoría Infantil ao valorar o xurado o “tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia e á técnica”.

Na categoría Xuvenil resultou premiada Os nenos da varíola (Galaxia), de María Solar, dada a súa orixinalidade, “ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos”. En canto a Libro ilustrado, foi recoñecido Tinta de luz (Chan da Pólvora), de Xosé María Álvarez Cáccamo, ilustrado pola recentemente falecida Berta Álvarez Cáccamo. O xurado estimou a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta e mais o diálogo estabelecido coa poesía.

O mellor libro de banda deseñada foi Alter-Nativo (Aira Editorial), de Jorge Campos, ao valorar o xurado o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica, mentres que a Iniciativa bibliográfica premiada foi a Colección Xerais Básicos Ciencia, polo enfoque plural, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Gañou o premio na Tradución Pippi mediaslongas (Kalandraka), de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez. O xurado deu a benvida ao galego deste clásico universal e destacou a frescura e fluidez que consegue a tradución. En Poesía recoñeceuse Camuflaxe (Chan da Pólvora), de Lupe Gómez, pola contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo e pola calidade “deste froito particularmente maduro na súa poética”.

En Teatro recolleu o galardón Río bravo (Kalandraka), de Chévere. O xurado celebrou “a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición”. O Libro mellor editado foi Lumes (Apiario), de Ismael Ramos, pola “elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecábel”.

Premios ás traxectorias

Na categoría de Iniciativa cultural ou fomento da lectura, o recoñecemento recaeu en Viñetas desde o Atlántico, polo “tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada e conectala coa cultura do país”. En Proxecto literario na rede venceu Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, pola “constancia do traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais”.

En Xornalismo cultural resultou gañadora Ana Romaní, dada a “incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o "Diario Cultural" da Radio Galega”. Precisamente, unha das reivindicacións máis reiteradas na gala foi manter o programa, que leva xa 28 anos nas ondas, e que a dirección da CRTVG vai facer desaparecer como tal en setembro.

Premios honoríficos

Na Gala do Libro tamén se entregaron os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. Así, a AELG nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, “desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans”.

AGE premiou Xavier Senín, “pola súa prolongada e constante aposta a favor do libro galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta entre 1987 e 2005”.

A Federación de Librarías premiou Xurxo Patiño, de Librouro (Vigo), “polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galiza”.

Comentarios