O libro dos amigos de Xosé Luís Franco Grande

Corenta e seis retratos de persoeiros da cultura
ramón cabanillas 2
photo_camera Imaxe de Ramón Cabanillas en 1913.

Á súa máquina de escribir débese un dos clásicos do memorialismo galego, Os anos escuros 1954-1960 (1985). O seu subtítulo explicaba o contido: A resistencia cultural da xeración da noite. Poeta de longos silencios editoriais e prolífico articulista de prensa, Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936) regresa ás librarías con A ilusión da esperanza, a súa particular versión do Libro dos amigos de Otero Pedrayo.


Corenta e seis retratos compoñen este "tributo aos amigos". De Ramón Cabanillas ao ensaísta Xulio Ríos, publicado pola editorial Galaxia, trátase en realidade dunha versión ampliada do volume orixinal de 1991. "Non todos eles están, porque non pode ser -son moitos os amigos que teño", adiverte nunha nota á nova edición, "pero como son todos os que aquí están, quixese que aqueles se sentisen representados por estes".


Pola Ilusión da esperanza desfilan figuras principais da literatura galega do século XX, do propio Otero a Ferrín, de Luz Pozo a Cunqueiro, de Ánxel Fole a Xohana Torres. O historiador irlandés Ian Gibson, Beiras ou o psiquiatra López Nogueira son tamén obxecto da ollada agradecida do autor. "Son algúns dos amigos cos que me encontrei no camiño da procura dunha Galiza con sentido", escribel.


As pezas, de entre catro e seis páxinas de extensión, relatan relacións e anécdotas, vivencias e a historia pequena do galeguismo cultural. O intelectual Franco Grande atópase entre os últimos enlaces coa Xeración Nós, á que tratou mediante Otero ou Cabanillas. A este dedica o primeiro capítulo da obra, que empeza así: "Polo ano 1957 Ramón Cabanillas era unha reliquia do galeguismo. Para moitos de nós, para todos os da miña idade, era un poeta remoto, case lendario".

Comentarios