A libraría Chan da Pólvora despídese e fecha as portas

Nunha carta de despedida, o seu libreiro e impulsor, Quico Valeiras, explica que as consecuencias da COVID-19 agravaron unha precariedade cunhas raíces máis fondas. "Apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido!", afirma.
A escritora Lupe Gómez na libraría Chan da Pólvora.
photo_camera A escritora Lupe Gómez na libraría Chan da Pólvora.

O 4 de maio, as librarías galegas reabrirán as súas portas e, baixo restricións, comezarán a atender as súas clientas con cita previa. Unha delas permanecerá coa reixa baixada, a Chan da Pólvora do barrio de San Pedro en Compostela. Un pequeno recuncho dedicado principalmente á poesía.

Quico Valeiras, libreiro do Chan da Pólvora, comunicou nunha carta aberta a decisión de abandonar definitivamente o proxecto. Os poetas Antón Lopo, Eduard Velasco e Alicia Fernández estiveron detrás deste proxecto que botou a andar en 2016 e que agora xestiona Quico Valeiras. O espazo está vencellado a unha editorial do mesmo nome, cuxas primeiras publicacións levaron ao público os versos de Chus Pato e Antón Blanco. A editora continuará a súa singradura.

“O golpe económico derivado do estado de alarma dificultou en maior grao o noso presente, pero tampouco queremos agochar detrás disto o tempo que levamos sen ver cumpridas as expectativas que guiaron este proxecto desde os seus inicios en tanto que espazo creativo”, recolle a misiva dixital, asinada por Valeiras.

Nela, reflicte que alén dos Polvorín de versos, recitais nos que participaban poetas galegas, o público das actividades organizadas foi diminuíndo paulatinamente “sen importar as horas dedicadas á preparación e difusión das mesmas”. Compostela, afirma, “non precisa unha libraría ao xeito da que tentamos construír”.

“Sen máis, apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido! Sen risco non hai aventura!”, continúa o autor da carta.

A misiva tamén fai fincapé nas difíciles condicións que atravesan as pequenas librarías, así como a necesidade de promover a lectura desde a infancia, alén de plans económicos específicos para estes espazos. Ademais, reclama non unha nova, senón unha mellor "normalidade".

Comentarios