'Libertade para Galicia'. A represión contra o nacionalismo

Fai 50 anos, da media noite do 23 ao 24 de decembro de 1967, milleiros de autocolantes, coa lenda de “Libertade para Galicia”, son distribuídos ao longo e ancho da nación. A resposta represiva a esta acción non se fai agardar.

Militantes UPG.Madrid
photo_camera Militantes nacionalistas en Madrid. Madrid, 1968. Arquivo da Fundación Terra e Tempo.

Fai 50 anos, falamos da media noite do 23 ao 24 de decembro de 1967, milleiros de autocolantes, coa lenda de “Libertade para Galicia”, son distribuídos ao longo e ancho da nación. A campaña de axitación foi acordada e deseñada polo núcleo madrileño da Unión do Pobo Galego, motor fundamental na actividade deste partido ao longo da década dos 60,  que agrupaba máis de dous terzos da súa militancia total e a cuxa fronte se atopaba Bautista Álvarez. A propaganda elaborada no capital do estado, consistía nun rudimentario adhesivo, realizado sobre etiquetas que se utilizaban para escribir o enderezo postal, no que cunha imprenta caseira, estamparon a reivindicación. O material será introducido no país aproveitando as vacacións de Nadal por militantes da UPG en Madrid e nacionalistas adheridos ao Seminario de cultura galega do club de amigos da UNESCO , a maior parte deles estudantes universitarios que regresaban de ferias, correspondéndolles  tamén a súa distribución entre a feble estrutura da organización no interior e o seu reparto en boa parte do territorio galego.

A resposta represiva á acción propagandística desenvolta pola UPG o 24 de decembro de 1967 provocará rexistros en diversas localidades galegas e a detención de máis dunha ducia  de militantes nacionalistas  ao longo do país.

A resposta represiva non se fai agardar. Arredor das tres da madrugada do día 24 é detido en Vigo Antonio Bernardo Rubio mentres colaba autocolantes, procedendo nas horas e días seguintes a arrestar outras persoas en diferentes localidades galegas e a efectuar rexistros en cidades e vilas como Lugo, A Coruña, Compostela, A Rúa, Vigo, a policía entra no local da agrupación cultural, Escairón, retendo aos irmáns Camilo e Carlos Vázquez Díaz, tamén estudantes en Madrid, ou Monforte de Lemos, onde o escritor Lois Diéguez é conducido ao cuartel da garda civil. A grande maioría dos arrestados serán postos en liberdade tras prestar testemuña na comisarías, substantivándose a situación das restantes persoas en tres causas diante do Tribunal de Orde Público. A Unión do Pobo Galego  tentou converter estes procesos nun xuízo ao réxime franquista, aspecto que sintetizou Xosé Soto “Pepiño da Gaita”, militante da UPG e testemuña en dous dos procedementos, sinalando que “Bautista decidira que cumpría rebentar os xuízos para denunciar a situación de Galiza”.

A primeira das causas, a 610/1967, sentaría diante do Tribunal de Orde Público en Maio de 1968 ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e ao avogado Antonio Bernardo Rubio, xulgados en relación co reparto dos adhesivos en Vigo. Defendidos por Mariano Robles Romero-Robledo e actuando como procurador o escritor catalán, parella da famosa actriz Lola Gaos e futuro dirixente do PSAN Gonçal Castelló, diante dun tribunal presidido polo presidente do TOP e futuro maxistrado do supremo José de Hijas e con José Poyatos como fiscal, un dos máis duros a quen o goberno de Aznar pretendeu nomear fiscal xefe da audiencia nacional. Méndez Ferrín será absolto e Bernardo Rubio condenado a 6 meses e 1 día de prisión menor e a 15.000 pesetas de multa.Este último era un militante da UPG de Vigo, natural de Segovia, compañeiro da escritora Lola Gándara e xenro do rexo patriota de Celanova Remixio González Gándara, persoa de referencia nas Mocidades Galeguistas do período republicano e sempre fiel ao proxecto nacionalista.

Antonio Bernardo Rubio, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xoán Soto Gutiérrez, Domingo Díaz Ventosinos, Manuel Antonio Murado García, Manuel Gandoi Rodríguez,  Arximiro Álvarez Cancio, Xosé María Álvarez González e Xesús Fernández Prieto serán xulgados no TOP acusados de espallar autocolantes coa lenda “Libertade para Galicia”.

A segunda das causas,a 614/1967, procesará no edificio de Salesas nese mesmo 1968, as persoas vinculadas coa distribución dos autocolantes en Lugo, isto é Xoán Soto Gutiérrez, estudante de xornalismo, Domingo Díaz Ventosinos, estudante de Peritos, Manuel Antonio Murado García, estudante de filosofía e letras, Manuel Gandoi Rodríguez, albanel de Navia de Suarna, e Arximiro Álvarez Cancio, operario de Lugo. Os dous primeiros, militantes da UPG en Madrid, serán condenados a 7 meses de prisión e  a unha multa de 10.000 pesetas, Murado, membro do Club de amigos da UNESCO, será absolto ao igual que a Álvarez Cancio e Gandoi Rodríguez, este último sen ningún tipo de ligazón cos feitos. Presidía o tribunal o tristemente celebre Mariscal de Gante, executado posteriormente por  Euskadi Ta Askatasuna, corría a defensa a cargo Vázquez Guillén, Gregorio Peces Barba e Manuel Conde, sinalándose como testemuña Ben-Cho-Shey, quen afirmou que “en Galiza non hai separatistas senón separadores e non lle debe estrañar que no meu país se mire con desconfianza e tamén ao que ven de Madrid”.

A terceira das causas, a 13/1968, xulgaría diante do TOP en  xullo de 1968 a colocación da propaganda na comarca de Valdeorras, condenando a Xosé María Álvarez González a 6 meses e 1 día de prisión e absolvendo a Xesús Aurelio Fernández Prieto. A sentenza do primeiro, natural da Rúa, estudante de socioloxía en Madrid e militante da UPG, acadará eco nalgunha publicación do exilio,informando a revista editada en Cuba España republicana “foi condenado Xosé María Álvarez González, baixo a acusación de propaganda ilegal, por fixar pasquíns nas rúas do Barco de Valdeorras, nos que se lía “Liberdade para Galicia”. O outro dos procesados, Fernández Prieto, veciño da Rúa, residente na capital do estado e organizado ao tempo na UPG de Madrid, xogará un papel chave no impulso e desenvolvemento do nacionalismo en toda a comarca de Valdeorras, for no plano cultural como principal activo da asociación cultural “Os Cigurros” da Rúa, entidade de ámbito comarcal fundada en 1973 para espallar a cultura galega, for na esfera política. Ao seu arredor, manteríase un grupo estábel da UPG na zona até 1976, do que faría parte á marxe dos dous citados, entre outros. Albino Prada, Lirio Blanco, Manuel González ou Margarita e Isabel Fernández.

A liña de defensa e as testemuñas coincidirían na causas que xulgaron os feitos en Lugo e Valdeorras. A orientación, marcada pola dirección madrileña da UPG, co obxectivo de denunciar a ditadura franquista e a situación de Galiza, atopará un executor importante en Manuel Conde, un segoviano ligado familiarmente a Pontedeume, militante deste partido en Madri e principal promotor, canda Natalia “Cuqui”Escrigt , da primeira discográfica galega Edigsa Xistral. Aínda que licenciado en dereito, exercerá por primeira vez a avogacía con motivo do xuízo aos de Lugo, actuando, entre outros, como testemuñas da defensa afiliados nacionalistas como o pintor, gravador e peza central na estampa galega Vicente Vázquez Diéguez, o xurista e gaiteiro Xosé Soto “Pepiño da Gaita” ou o xa sinalado erudito e escritor Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey”. A intención e o sentido do proceso ficou perfectamente retratada  nas intervencións das testemuñas, así Vázquez Diéguez, lembraba que a preguntas da defensa de como se saudaba a xente en Galiza afirmou que á voz de “Viva Galiza Ceibe” versión que sería corroborada por Ben-Cho-Shey de seguido na súa quenda.

A caída de 1967 é un capitulo da represión sobre o nacionalismo pero tamén dos esforzos e  da vontade dunha xeración de galegos por erguer un movemento político que restaurase na práctica o proxecto legado por Daniel Castelao no Sempre en Galiza. Unha páxina simplemente das condicións de clandestinidade, terror  e persecución sobre as que se articulou a alternativa patriótica no país, que terá continuidade nas xornadas do 68 compostelán e madrileño, do estado de excepción de 1969, da caída de 1970, nos sucesos de Ferrol e Vigo de 1972 ou no agosto negro de 1975, co asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia e o exilio e encarceramento doutros militantes da UPG. Unhas liñas que compre escribir por fidelidade á verdade, por respecto a historia contemporánea de Galiza, por recoñecemento cos que tiveron o valor de enfrontarse a ditadura, por lealdade á loita de facer unha nación libre e tamén como garantía. dun capital político do que non se pode prescindir.

Pé de fotoXosé Soto “Pepiño da Gaita”, Mari, Carmela Arbones, Xabier Pousa, Bautista Álvarez, Anita, Manolo Conde, Natalia Escrigt “Cuqui”, Camilo Vázquez, Carme Graña, Ben-Cho-Shey,María Rábago, Sabela Pita, Carlos Vázquez, Lois Diéguez, Raimundo Patiño, Vicente Vázquez Diéguez, Pilar Allegue e Fernando Campos.

Comentarios