“Liberdade, soberanía e dereito de autodeterminación”, 75 anos de Galeuzca

Hai setenta e cinco anos, falamos do 22 de decembro de 1945, catalás, galegos e vascos reunidos na cidade de México, ratifican un acordo para poñer de novo en marcha Galeuzca, na perspectiva dunha actuación mancomunada das tres nacións diante a posibilidade dun cambio de réxime no Estado español.

Homenaxe ao presidente vasco Aguirre en Bos Aires.
photo_camera Homenaxe ao presidente vasco Aguirre en Bos Aires. De esquerda a dereita:Manuel Puente, Baldasúa,Alonso Ríos, Daniel Castelao, Claudio fernández, Heliodoro Friol, Ramón María Aldasoro e o presidente Aguirre.

A decisión de poñer de novo en marcha Galeuzca, o pacto asinado en xullo de 1933 en Santiago de Compostela polos nacionalistas vascos, catalás e galegos, estará presente na vontade dos seus representantes no exilio desde os primeiros momentos do desterro. O pulo do núcleo bonaerense xa levou en maio de 1941 a sinatura dun primeiro acordo avalado polas rúbricas de Serra Moret, de José María Aldalsoro e Daniel Castelao, onde se comprometían a loitar contra o franquismo e pola democracia, a poñer en andamento un directorio de organización e dirección e a proclamar a soberanía de cada unha das nacións.

Castelao, actor decisivo

Os anos limiares desta alternativa, onde o papel de Castelao é decisivo tal é como estudou Xosé Estevez, xeraron diversas propostas, moitas sen coordinación entre elas pero coa clara intención de erguer un organismo que valera polos dereitos das nacións sen estado peninsulares. Neste período, merece a pena destacar a volta de 1942, o acto de homenaxe a Aguirre no Casal Catalá de Bos Aires coas intervencións de Castelao e Alonso Riós ou o festival de Galeuzca celebrado o 7 de outubro de 1942 no Teatro Alvear, onde participaron diversas agrupacións artísticas da colectividade e tomaron a palabra os seus máis destacados dirixentes.

Unha plataforma para a ruptura co franquismo

A actividade das forzas democráticas verase esporeada a partir de 1944 polo expectativas  abertas  entre os sectores antifranquistas dun próximo cambio de réxime no Estado español, como consecuencia da derrota das potencias nazi fascistas na II Guerra Mundial. Mentres os cataláns poñían en marcha o Consello nacional de Cataluña e procedían na primavera de 1944 ao reforzamento e renovación do goberno da Generalitat baixo a presidencia de Josep Irla, que xa exercía como tal desde a morte de Companys, os vascos, baixo o incuestionábel liderado do presidente Aguirre, animaban o  Consello xeral vasco e desenvolvían unha inxente  labor diplomática diante das potencias occidentais, particularmente dos Estados Unidos de América.

O empuxe dos nacionalistas galegos posibilitará a formación de diversas delegacións de Galeusca en varios estados de América do Sur.

As iniciativas do nacionalismo galego colleran novos folgos, destacando a publicación do Sempre en Galiza, a constitución do Consello da Galiza e a reorganización da actividade partidaria no interior.  Nesta circunstancia acada particular relevo a constitución do Consello da Galiza, formalizado o 15 de novembro de 1944 en Montevideo coa sinatura dos deputados exiliados Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Vilaverde e Daniel Castelao, co obxectivo de “xuntarse nun só corpo de dirección política para gardar, manter e defender a derradeira vontade de Galiza mentres dure está etapa de opresión na que o pobo se ve privado de toda expresión democrática”.

Unha alternativa articulada arredor do dereito de autodeterminación

A nova conxuntura vai dotar de renovados esforzos o vello proxecto de Galeuzca. Neste contexto de optimismo sucédense os contactos, intercámbianse propostas e remítense borradores de acordos coa finalidade clara de conformar  un bloque unitario e tripartito capaz de situarse nunha posición de forza de cara a nova situación que provocaría a caída do franquismo. A este respecto destacase a correspondencia mantida por Daniel Castelao e o presidente vasco Aguirre, onde se pode coñecer o deseño político e o proceso de articulación dunha plataforma, que xurdía para conseguir o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña.

A labor da alianza das nacións sen estado peninsulares desenvolvese en diversas esferas. Por exemplo, no mes de abril de 1944, redactase unha a proposta de “Manifesto de Galeuzca”, redactado a instancia de Aguirre, onde se defende un estado confederado ou unha “Comunidade ibérica de nacións”, formada por Galiza, Euskadi, Cataluña e Castela á que se podería unir Portugal. Nas mesmas datas, a delegación de Bos Aires, coincidindo co aniversario da proclamación da II República, fai un chamado público reclamando o dereito de autodeterminación e expresando a súa oposición ao franquismo “ e a calquera outra que non propugne o pacto libre como forza de unión entre as nacionalidades ibéricas”.

A Comunidade de Nacións Ibéricas

A elaboración doutrinal e programática ocupará boa parte dos traballos nesta etapa inicial. A maior parte dos documentos redactados fixan como condición previa “a instauración da liberdade e da democracia catalá, vasca e galega”, e apostan por “unha Comunidade de Nacións Ibéricas” como formula para resolver os problemas políticos e sociales”. Na mesma liña coinciden en solicitar a axuda dos “pobos libres de Europa” no caso de que “a democracia española se manifeste incompatíbel cunha estruturación integral do Estado que descoñeza a realidade plurinacional existente dentro del”.

O empuxe dos nacionalistas galegos posibilitará a formación de diversas delegacións de Galeusca en varios estados de América do Sur. A viaxe que Rodolfo Prada realiza polo continente en labores de organización e coordinación dos diferentes núcleos patrióticos permítenos coñecer das tentativas de formalización da alianza tripartita en Perú, Cuba  ou Venezuela, onde manterá contactos co delegado do goberno vasco e representantes catalás, nunha xuntanza promovida polos militantes nacionalistas Xosé Mosqueira Manso, Silvio Santiago e Manuel Vaamonde, auténticos motores da iniciativa en Caracas.

A defensa dos dereitos fundamentais de toda nación

O 10 de novembro de 1944 constitúese en Bogotá a sección colombiana de Galeuzca. A xuntanza fundacional, presidida por Prada, contaría coa presenza de Ramiro Illa Couto en representación de Galiza, de Antonio Trías, Pablo Vila e Pedro Comas pola parte catalá  e de Francisco de Ambrisqueta, André Perea e Xesús Ezpolea en nome de Euskadi. O núcleo da alianza en Colombia nacería coxo pola debilidade do nacionalismo galego neste Estado, até o punto de que Illa Couto non tiña a residencia permanente no mesmo.

Galeuzka rexeitaba como alternativa a Franco a restauración da monarquía e un modelo de organización territorial que non recoñeza as nacións

A sección chilena de Galeuzka xurdirá de esforzo do núcleo galego instalado no país. Sinalábanse entre estes o deputado Ramón Suarez Picallo e Celso Garrido, un antigo militante das Mocidades Galeguistas adherido na altura a Esquerda Republicana, arredor dos cales actuaba un grupo de galegos que non deixaban de celebrar o Día da Patria Galega desde a súa chegada ao exilio. A presentación do organismo realizaríase en Santiago de Cile, coincidindo coa presenza de Prada na cidade, nun acto no que tomaría a palabra Ramón Suárez Picallo, o delegado do goberno vasco Pedro de Arretxabala e o representante catalán Antón Blavia.

O 22 de decembro de 1945 asinase publicamente o acordo que da inicio a xeira mexicana de Galeuzka. O documento é resultado dun duro traballo previo, onde se sinalou pola parte galega Xoán López Durá, destacado xurista, membro do comité executivo do Partido galeguista e concelleiro desta formación en Compostela e cofundador do núcleo da Unión do Pobo Galego neste país. Finalmente contará co apoio de  nove organizacións políticas, sete catalás, que recollía todo o espectro nacionalista, dúas vascas, PNV e ELA, e o Partido Galeguista, representado a un tempo por López Durá e Florencio Delgado Gurriarán, o poeta exiliado de Valdeorras.

Unha iniciativa para internacionalizar a cuestión galega

A resolución política aprobada comeza manifestando o compromiso das tres nacións na loita contra o franquismo, afirmando o carácter nacional de Galiza, Euskadi e Cataluña e “demandado para elas os dereitos fundamentais que corresponden a toda nación, a saber: liberdade, soberanía e dereito de autodeterminación”. A declaración política rexeita como alternativa a Franco a restauración da monarquía, alternativa defendida nos círculos de oposición patrocinados polo Reino e Unido, así como un modelo de organización territorial para o estado “que non sexa aceptado polo vontade libre e soberana dos seus respectivos pobos”

A raiola de esperanza alumeada por Galeuzca non tardou en desaparecer. A evolución da situación política internacional e estatal, a decisión do Reino Unido e de Estados Unidos de manter no poder o réxime de Franco e a deslealdade para con Galiza dunha dos dirixentes nacionalistas cataláns e vascos, situou á alianza nunha vía de esmorecemento que remataría coa súa desaparición. Porén, a iniciativa xogou un papel importante na internacionalización do problema nacional galego, na socialización dunha alternativa de ruptura co franquismo que puxese en primeiro plano os dereitos das tres nacións e na clarificación sobre o alcance democrático dunha proposta que non teña en conta o carácter plurinacional do espazo ibérico.

Comentarios