Liberdade de elección de lingua: así é a norma que apoian PP, Ciudadanos e Vox

Hablamos Español, asocaición presidida por Gloria Lago, promove unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) discriminatoria co galego. A norma que buscan levar ao Congreso pon o foco na relación da cidadanía coas Administarcións e no ensino.
queremos galego letras 2019
photo_camera Manifestación de Queremos Galego coincidindo co Día das letras Galegas de 2019.

"Un sistema no que dúas linguas son simultaneamente oficiais debe xirar sobre o principio de liberdade de elección". É unha das primeiras sentenzas que recolle a Lei de liberdade de elección lingüística que pretende levar ao Congreso dos Deputados Hablamos Español, unha asociación fundada hai máis de dous anos para "defender os dereitos lingüísticos dos hispanofalantes". Así se presenta no seu sitio web, como un colectivo "apartidista sen ánimo de lucro" que avoga por unha política lingüística baseada na libre elección das persoas, "que non se poña ao servizo da conservación das linguas".

Ataque ás linguas cooficiais

Na práctica, baixo a aparencia do respecto aos dereitos lingüísticos das persoas, o texto que ampara a iniciativa cidadá agocha un intento de fulminar as linguas propias e cooficiais do Estado español no ámbito das administracións públicas, da empresa privada, do ensino, da cultura e da toponimia; a partir dunha realidade deturpada que non é quen de soster boa parte das súas demandas.

A Lei que propón Hablamos Español pon o foco naqueles territorios onde existen linguas cooficiais para privilexiar o uso do castelán por riba dos idiomas propios. De saír adiante, a norma reivindica a presenza do castelán en todas as estancias dependentes das Administracións públicas, por separado ou en formato bilingüe. Nos edificios e documentos oficiais, na información turística, nos sinais de tráfico. Avoga por recuperar os topónimos en español de longa tradición para que volvan ser oficiais. Insiste en obviar as obrigas dos poderes públicos a respecto das linguas propias e cooficiais para seguir demandando "que se poida estudar español en todo o Estado". E desculpan as empresas privadas no uso das linguas minoritarias mais o colectivo de funcionarias que tampouco terán por que saber os idiomas cooficiais.

Administración e ensino

"Non será necesario que todos os empregados públicos coñezan a lingua cooficial co castelán no territorio no que prestan os seus servizos" co fin de que "ser hispanofablante non supoña un impedimento para viaxar, estabelecerse ou acceder a unha oposición en calquera parte do Estado". Unha norma que, ademais de ignorar os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e o deber do Estado de asegurar unha presenza adecuada dos idiomas cooficiais na Administración periférica, esquece que as empregadas do ámbito da Xustiza, de facenda ou da Seguridade Social xa non teñen a obriga de saber galego nin calquera outra lingua propia.

Con todo, a Lei para a que xa avanzaron o seu apoio representantes do Partido Popular, de Ciudadanos e de Vox no Congreso fai fincapé no ensino. "Os pais das crianzas menores de idade terán dereito a elixir a lingua oficial na que os seus fillos e fillas reciban a ensinanza", e no seu caso, o alumnado maior de idade. Ningún modelo adicional que poidan ofertar os poderes públicos suporá a restrición dese dereito fundamental, manteñen, unha solución que pode deixar o galego na escola nunha situación de desleixo e discriminación maior que a que rexistra na actualidade. Segundo datos do Instituto galego de estatística, o castelán é a lingua maioritaria no ensino.

500.000 sinaturas

Despois de fracasar no primeiro intento, finalizado en novembro de 2018, Hablamos Español, a asociación presidida por Gloria Lago, obtivo de novo o beneplácito da Mesa do Congreso dos Deputados para iniciar unha segunda recollida de sinaturas co mesmo propósito: presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en favor da liberdade de elección de lingua en todos os ámbitos da vida pública, nomeadamente no ensino. Para ser considerada pola Cámara lexislativa, a iniciativa cidadá require do aval de 500.000 sinaturas que comezarán a xuntar tan pronto a Xunta Electoral sele os pregos correspondentes para a posta en marcha do procedemento. A Lei de liberdade de elección lingüística que defende o colectivo busca protexer o dereito a usar o español e foi, en 2017, o xermolo da asociación.

Comentarios