Opinión

En lexítima defensa

Por Teresa Barro soubemos da edición, a cargo de Xulio Ríos, dun volume titulado O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro (Edicións do Cumio, 2015)


Por Teresa Barro soubemos da edición, a cargo de Xulio Ríos, dun volume titulado O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro (Edicións do Cumio, 2015), que reúne varios textos de homenaxe ao ilustre escritor e intelectual galego falecido en Xaneiro de 2010, do que xa léramos con auténtica fruición as súas memorias (Amada liberdade, Xerais, 2013, completadas por un longo relato  -85 páxinas-  da súa muller e editora das mesmas Teresa Barro). Existen así, en formato libro, os comentarios que previamente recollera a web do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Principia polos discursos proferidos nos actos celebrados en Baiona co gallo do cabodano (Teresa Barro, Xosé Luís Franco Grande, Francisco Silva Castaño, Nicolás Vidal, Francisco Xosé Fernández Naval e Xulio Ríos). Inclúense a seguir artigos conmemorativos de Luís Álvarez Pousa, Craig Patterson, Nicolás Vidal, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Vera Ríos Carrillo, Francisco Xosé Fernández Naval, Eduardo Punset, Emilio Xosé Ínsua e varios de Xulio Ríos, o seu grande amigo e editor, como dixemos, do volume. En Anexo incorpórase unha entrevista realizada por Xosé Luís Franco Grande e Xulio Ríos e publicada na revista Grial en 2005, do maior interese e vixencia neste 2015, dez anos despois, por tanto, de existir por vez primeira. A ela nos queremos referir nestas liñas.

Considera fundamental Pérez-Barreiro Nolla “que interioricemos o valor da diversidade fronte á unidade”. Estima que “as unificacións de pensamento van en contra diso, crean inmediatamente un conformismo, un poder e un servilismo, un empobrecemento, en definitiva, persoal e da propia humanidade”. Acredita en que “os nacionalismos, hoxe, debían ser a base do enriquecimento da humanidade, porque son o viveiro onde poden nacer ideas que non nacen nesa unidade enorme, globalizada que aspira a crear”. Estabelece con toda clareza, naturalidade e firmeza: “A pesar da mala fama dos nacionalismos,  a riqueza está na diversidade. Mentres iso non se admita, o nacionalismo entenderase como algo negativo, asociando progreso e simplificación, o que nos deixa sen alternativas. Para min, non obstante, o nacionalismo ofrece as dimensións óptimas para o desenvolvemento do ser humano. E algúns galegos poden ver máis claro o seu nacionalismo entendendo e respectando outros, e vendo que hai máis opción que a de ficar apachucados entre o centralismo abafante e a dor da frustración de non se sabe que”.

Considera fundamental Pérez-Barreiro Nolla “que interioricemos o valor da diversidade fronte á unidade”

En liña con este discurso, xulga como esencial a consecución dun Estado “ou o máis parecido ao estado, un instrumento de poder público que permita exercer a soberanía. A soberanía é o que estou defendendo para min e tamén a quero para todo o mundo. É decidir ti do teu. Ata onde chega? Non lle teño medo aos límites, do mesmo xeito que como persoa non lle vexo límite ningún á miña liberdade. Irei ata onde me deixen. Trátase de gañar poder e tamén a responsabilidade, que sen ela non existe. O estado moderno foi unha conquista democrática como punto de conxunción de intereses públicos diferentes. Pódese perfeccionar, pero non se debe renunciar a el. Nin pretender que pasou de moda, para o que se nos pide que o esquezamos no altar dun superestado, que é todo o que se conseguiu inventar no experimento europeísta”.

Fernando Pérez-Barreiro instalouse en Londres en Agosto de 1963 e nesta cidade e en Lancaster viveu até o fin da vida. Nestes case 47 anos nunca deixou de declararse galego e de exercer como tal. As ideas que el expresa lévaas defendendo, na doutrina política e mais na práctica social, o nacionalismo político, sindical e asociativo galego desde hai décadas. Non son un desideratum, unha utopía irrealizábel, moito menos unha quimera. Convido a reler este artigo (que, na realidade, é del e non de quen asina) a todas e a todos os compatriotas a quen se lles poñen os nervos nervosos (como diría meu pai) ollando o panorama eleitoral (que non político) actual. Por a Galiza existir politicamente, desde ela e en por ela, o nacionalismo galego ha de existir e fortalecerse. En lexítima defensa, expresión que asumo e que utiliza tamén o compatriota que evocamos nestas liñas.

Este artigo viu a luz no número 149 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios