Opinión

Levantamortos

Un equipo que manifesta que aspira ó ascenso á Primeira división ten que demostralo con firmeza e tendo as ideas definidas. O Dépor de Natxo ten a idea de ascender pero non mostra determinación para ser una praza segura.

Despois de vinte e cinco xornadas, do Dépor só se poden destacar dous ou tres partidos de toda a temporada. Que o equipo estea entre os destacados da táboa clasificatoria non significa que o seu paso pola categoría sexa brillante.

Ante o Nástic, o equipo coruñés volveu demostrar por que non é capaz de dar un golpe de mando. O Dépor non aproveita unha mínima parte das ocasións que crea. Á hora de rematar erra elixindo mal a opción de golpeo, precipitándose, por falta de visión ou porque comete erros groseiros, ata baixo os paus.

Os de Natxo enfundáronse o buzo de equipo levantamortos, como moitas outras veces. Xogando co pechacancelas e acabar sufrindo por salvar un empate é xa un costume insán e grotesco. Non hai corazón que o resista. Foi o que sucedeu no último enfrontamento branco e azul. Nos últimos minutos, o Nástic, xogando lonxe da casa, estivo máis próximo da acadar a vitoria. Sorte para o Dépor que a categoría de prata se distingue por igualarse ata nas torpezas. 

A praga de lesións non pode ser unha escusa. Natxo e a dirección deportiva anda nas últimas semanas moi preocupada en xustificarse e poñendo unha e outra pega para dar una explicación ós resultados e á frustración de ver que o equipo non é capaz de colocarse entre os dous primeiros da táboa.  

Se o cadro de futbolistas do Deportivo é o mellor da categoría vai sendo hora de que o demostre. Polos erros acumulados, e ó analizar cómo se comportan sobre o terreo de xogo moitos xogadores do equipo herculino, a única conclusión crible é que hai motivos para ter moitas dúbidas que cuestionan tal afirmación. O Dépor ten bos futbolistas, pero non os mellores da categoría, sin os máis regulares. Os homes de Natxo González están a desaproveitar unha chea de ocasións para demostrar con firmeza que este equipo é ese conxunto que todos din que é e que non se ve por ningunha parte. O Dépor non se comporta como o mellor equipo da categoría. Iso é indiscutible. 

O mal chamado Messi de Segunda División, Fede Cartabia, está moi lonxe de ser un xogador diferente. Fede necesita reeducarse. É un futbolista insolidario, que quere resolver pola súa conta, e que conta con recursos limitados. Ten calidade, pero non a suficiente. É protagonista de cando en vez. O Dépor precisa futbolistas que sexan resolutivos de verdade. Cartabia é como o Guadiana, desaparece cando se espera del máis intelixencia e máis desequilibrio. 

Hai datos que axudarían a construír unha visión máis optimista e en positiva dese equipo que, en realidade, acumula decepcións. Datos que en todo caso non serven, por agora, a considerar os deportivistas como un aspirante a ascender sen promocións a cara ou cruz. Este é un equipo que pasa da euforia ó baleiro con demasiada velocidade.

O partido ante o Nástic valeu para bautizar a Montiel como un futbolista interesante. Desde logo, nestes momentos Montiel pasa por riba de Cartabia en calidade, anticipación, ideas, solidariedade e decisión. En vinte minutos trouxo aire fresco a Riazor. Faltoulle que os acompañantes sobre o terreo de xogo respirasen parte dese novo osíxeno. 

Comentarios