Lembranzas para Manuel María no seu cabodano

Esta terza feira a Irmandade que leva o seu nome e a Asociación Xermolos organizan Memoria da Chaira enteira, unha lembranza ao poeta ás portas do que será o seu ano. 

Manuel María

Con motivo do cabodano da súa morte mais tamén do décimo aniversario da edición de Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, un vídeo "moi interesante", explica o seu guionista, Lois Diéguez, no que se recollen imaxes das viaxes desenvolvidas polo poeta por terras de Grecia, Italia, Palestina ou Exipto, entre outros lugares. 

O acto, que comeza ás 15h cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (Outeiro de Rei), está organizado pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María. O documentario, "que conta coa música de Ennio Morricone" percorre "a biografía" do autor. a súa proxección terá lugar após a comida que continuará cun recital de poesía na Pena de Rodas ás 17h. 

A partir de aí iniciarase o percorrido cara ao cemiterio de Outeiro onde repousan os restos de Manuel María onde, @s asistentes, depositarán unha rosa e entoarán o himno galego. 

A continuación a Irmandade fará entrega da Navalla de Manuel María ao propio Lois Diéguez. Farao da man de Felipe Senén nun acto no que estará presente Branca Rodríguez, "unha moi boa amiga", explica o propio Diéguez. 

Ás portas do que será o ano das Letras dedicado a Manuel María o guionista de Peregrinaxes asegura que acolle con "moita ledicia" a decisión adoptada polo plenario da Academia Galega. Porén, Lois Diéguez reivindica a figura "social" do poeta da Terra Chá que "sempre saíu adiante através das escolas, das asociacións culturais" que estaban "arredadas do oficialismo". 

"O meu interese é que se manteña a figura" de Manuel María "creada polo pobo galego", sinala. 
 

Comentarios