A rúa do Vilar, onde se emprazaba a imprenta 'Nós' da que era propietario Ánxel Casal acolleu esta segunda feira a tradicional homenaxe que o BNG da capital galega organiza en recordo do rexedor compostelán asasinado.
No acto estiveron presentes o historiador Uxío Breogán Diéguez, o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela e Goretti Sanmartín, membro da Executiva nacional do Bloque. Esta última, exixíu na súa intervención a demisión do alcalde de Baralla, polas súas declaracións sobre as persoas represaliadas e condenadas a morte após xullo de 1936.
Goretti Sanmartín salientou asemade o papel protagonista que tiveron as mulleres na loita anti-franquista e no nacionalismo lembrando figuras como Elvira Bao ou María Miramontes, compañeira do propio rexedor compostelán.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela salientou a Ánxel Casal como "unha desas persoas imprescindíbeis na historia dun país" á que "os herdeiros políticos dos golpistas" procuran "que non lembremos", enfatizou, pois as súas convicións e ideas eran as da "democracia, a liberdade da Galiza e os seus dereitos nacionais" a prol dunha "sociedade máis xusta e igualitaria".
O historiador Uxío Breogán Diéguez quixo subliñar a traxectoria política e cultural de Casal como un dos pioneiros en reivindicar "a República da Galiza" e a súa problama do dereito de autodeteminación e a soberanía na Asemblea de concellos galegos onde foi aprobada a redacción do Estatuto de Autonomía de 1936.