Opinión

É Lei de Vida!

Os camiños da vida obrígannos a insonorizar o eco dalgunhas palabras con datas de caducidade biolóxicas para aquelas que contornan os imaxinarios máis íntimos.


Os camiños da vida obrígannos a insonorizar o eco dalgunhas palabras con datas de caducidade biolóxicas para aquelas que contornan os imaxinarios máis íntimos.

Aprendemos primeiro a estimar e despois a convivir co esquezo do sotaque sonoro que o noso día a día chama polos bisavós, as avoas, a madriña, o padriño e tamén, sempre a destempo, o pai e a nai.

Os nosos pasos convídannos, asemade,  a desaprendermos palabras gastadas que xa non precisamos ou debandármolas noutras semánticas útilmente recicladas para un presente interactivo que precisamos vivamente comunicativo. 

É lei de vida!

Saímos, entón, ao encontro das nosas palabras guieiras para termarmos do pulso do tempo e arrequecelas con novas expresións compañeiras de viaxe. 

E así o xugo xa é outro para nós; o caldeiro traspasou o traxe de cinc; chatear  amplifica a socialización dos vellos chatos; xa non só chian os paxaros nin só as redeiras tecen e destecen as redes

A arañeira móvese con patas invisíbeis; a banda deixou de espallar en adros e prazas físicas os acordes de vento e percusión; os marcos convertéronse en acordos protectores; o demo aliouse co xénero feminino e perdeu cornos e rabo; o bravú inverteu o sentido olfactivo polo acústico e a aldea superou a infraconsideración do local para se tornar en supraentidade global.

É lei de vida!

No entanto, non aprendemos a deconstruír a arquitectura deseñada contra o edificio das palabras propias, porque xa sabemos que a autoxenreira, coma a raíz do toxo verde, é moi mala de arrincare…

É así como a práctica dunha galeguidade restritiva vai minguando a exposición pública do galego, reducíndose ao aplauso nas manifestacións folclóricas ou ao enxalzamento culinario celebrado en canta festa gastronómica se espalla polo país –e, como ben sabemos por Castelao, a necesidade de falar galego non se sente no bandullo-, até se camuflar en corsés verbais alleos, considerados máis correctos e á moda por desideoloxizados, neutros, harmónicos, equilibrados, mediáticos, posmodernos e universais.

Renegarmos do idioma propio, cedendo o paso a inxustificados prexuízos que avecen para nos espiren da pel das nosas palabras, entraña adoptarmos unha identidade espoliadora e subsidiaria, unha innecesaria holografía futura que non se corresponde coa rexa identidade cultural residente –e resistente- no idioma propio.
O taboleiro onde se xoga a partida dos nosos tempos non é invisíbel a nós, todas facemos parte dun futuro que ninguén nos agasallará e este, tamén para a lingua, require da nosa implicación cómplice para continuar a ser, estar e percibir o mundo desde nós.

O actual proceso involutivo do galego, cada vez máis distante do obxectivo normalizador regulado desde o marco legal, non é abstracto nin azaroso. É promovido e liderado, en boa parte, por quen maior responsabilidade pública ten asumido na acción dun goberno prexuizoso que, non só ignora a mantenta documentos politicamente consensuados como a Lei de normalización lingüística ou o Plan xeral de normalización lingüística, senón que aproba en solitario decretos que nacen en contra dos seus principios básicos.

Velaí a principal razón para acreditarmos tamén en que é un proceso reversíbel en cuxa folla de ruta participamos e intervimos todas desde o compromiso dun uso corresponsábel a nivel individual. Eis unha razón fundamental para atendermos nas vindeiras citas electorais á atención que a normalización lingüística ocupa en cada programa político. Acaso darán todos o mesmo que falar? Falarán algúns coa lingua pequena? Ou tamén poderá ser que algúns non dean nin chío porque xa lles comeu a lingua o rato? E se dan a calada por resposta? E se morden a lingua?

Aceptarmos a naturalidade determinista da desaparición do galego ou aspirarmos á fidelidade lingüística das falantes son os retos que debemos afrontar, ben conscientes sempre das consecuencias de ambas as dúas opción, que non permiten deixar a partida en táboas para unha lingua sometida a xaque.

É lei de vida! Tirémoslles pola lingua!

Comentarios