Opinión

Lehman Brothers: o comezo do pesadelo

O 15 de Setembro de 2008, Lehman Brothers —unha emblemática empresa financeira creada na metade do século XIX— desaparecía formalmente, afundida pola crise que comezara un ano antes no interior do universo económico dos USA.

 

Dez anos despois daquela treboada financeira constátanse diversos síntomas demostrativos da persistencia de fondos desequilibrios económicos e non se perceben elementos sólidos que permitan pensar na superación inmediata das dinámicas dominantes nos planos político e social. Despois daquela proclama “epatante” de Sarkozy —hai que refundar o capitalismo”— sucedéronse diversos acontecementos que certificaron a vixencia de dúas realidades relevantes: a continuidade dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos Estados Unidos.

 

Para explicar o que pasou nestes últimos anos existiu unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:

 

a).-Políticas de préstamos demasiado permisivas por parte de certas entidades financeiras e presenza de produtos financeiros cada vez mais complexos e descontrolados.

 

b).-Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control das mesmas.

 

c).-Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.

 

d).-Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez: os propios bancos non obtiveron recursos nos mercados financeiros e solicitaron axudas aos gobernos para non desaparecer.

 

e).-Translación da crise ao conxunto da economía: os bancos reduciron e/ou encareceron os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.

 

Os impactos concretos da crise nos distintos territorios tiveron, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía. No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción e a importante dimensión do turismo provocaron efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica. O forte endebedamento das familias e das empresas acumulado durante os anos da expansión –é máis importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas- constituíu unha debilidade estrutural que penalizou seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.

 

As coincidencias na descrición do sucedido desapareceron no momento de formular criterios e propostas para saír da crise. Houbo dous grandes ámbitos nos que se concentrou a diverxencia. En primeiro lugar, o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal. Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son considerados como as novas divinidades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos. “A reacción dos mercados”: velaquí a frase máis repetida nestes anos e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas. Gobernan a economía —e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas— grupos que non se presentan ás eleccións, mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.

 

“A reacción dos mercados”: velaquí a frase máis repetida nestes anos e a proba do nove da grave adulteración das lóxicas democráticas

 

Outro campo para o desacordo localizouse na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de hai unha década. Reapareceu, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclamaban unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulaban que a factura fose asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida.

 

A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE —primordialmente os que integran o núcleo de maior poder relativo nesta arquitectura institucional— están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”. Polo que estamos vendo, a dereita europea segue gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos.

 

 

Comentarios