Ledicia Piñeiro, número 1 de En Común-Unidas Podemos por Ourense

"Reivindicamos un modelo á portuguesa, que abra unha saída á crise"

Nada en Ourense en 1987, Ledicia Piñeiro é diplomada en Educación Social e compaxina o traballo nese ámbito coa súa paixón polo teatro e a interpretación. Naceu nunha familia traballadora do sector ferroviario e desde nova implicouse no movemento estudantil e no activismo político. Foi ademais concelleira pola candidatura de Ourense en Común durante tres anos. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

ledicia piñeiro ourense
photo_camera Ledicia Piñeiro

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

As galegas xogámonos moito este 28A. Parece un lugar común, unha frase comodín que se usa en moitos períodos preelectorais, mais é así. Está en xogo un modelo de liberdades e dereitos que non podemos permitir que volte atrás. E hai unha posibilidade de que as extremas dereitas provoquen unha involución real nas nosas vidas. Dito isto, non podemos conformarnos cun goberno do PSOE que non atende as necesidades da xente traballadora, do rural, da xuventude, das mulleres e dos maiores.

Galiza precisa ser decisiva nun novo goberno

Un goberno no que haxa ministras de En Común-Unidas Podemos vai ter esa axenda enriba da mesa. Galiza precisa ser decisiva nun novo goberno e nunca estivo tan perto de selo como agora coa nosa candidatura.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

A anterior lexislatura foi moi curta e estivo claramente marcada por dous momentos, a consolidación do bloque da moción de censura, que abriu unha nova posibilidade para a gobernabilidade do Estado en clave de plurinacionalidade e de esquerdas, e a situación posterior dun PSOE que non sabe gobernar coa xente e treme ante as oligarquías de empresa e banca.

Ante iso, nós reivindicamos un modelo á portuguesa, que abra unha saída á situación de crise que viven millóns de cidadáns, mais unha saída pola esquerda. Con emprego de maior calidade, cun novo sistema fiscal, recuperando sectores produtivos estratéxicos, cunha nova política enerxética e facendo unha banca pública.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Se me permiten, vou dar esta resposta en clave ourensá. O principal problema na nosa provincia é a demografía. Pero o PP ten a pouca vergoña de falar desta cuestión de forma isolada, como se fose unha maldición ou algo así. Ourense precisa iniciativa, liderado e ideas políticas. E cales son esas ideas? Fundamentalmente que a xente poida ter empregos dignos e de calidade, que lles permitan asentar e quedar a vivir aquí. O PP de Ourense é unha máquina de fracasos. Non ten nin un só éxito nesta materia. Deberiamos envialo á oposición vinte anos.

Seguindo en clave ourensá temos un problema clarísimo de modelo produtivo. Un exemplo evidente estámolo vendo estes días co desastre ambiental que está a producir a gandaría industrial na comarca da Limia. Precisamos orientar o noso modelo económico cara a sectores compatíbeis coa preservación do noso entorno natural e a vida digna das persoas. O viño é un claro modelo disto. Pero hai máis.

Está por clarexarse a cuestión do financiamento ilegal de campañas do PP de Ourense

E por último, dúas cuestións, o problema estrutural dos incendios na provincia, especialmente en comarcas como Monterrei ou a Baixa Limia, que ningún goberno se decidiu a abordar en serio. E logo está a cuestión real, que se perpetúa, da situación raquítica da nosa democracia. Está por clarexarse a cuestión do financiamento ilegal de campañas do PP de Ourense, así como o sistemático pago de favores dos Baltar, con empregos públicos a familiares do PP da provincia. Non podemos afacernos a isto sen máis. É un escándalo e queren voltar repetilo tras este duplo período electoral. Estaremos vixiantes.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Yolanda Díaz. É a primeira espada da política galega, e é muller, nai, ten o mérito de ter sido absolutamente crucial na negociación da subida do SMI. É a guerreira das pensións, volcada cos traballadores das empresas que están en risco de deslocalizar do país, puño de ferro para reclamar o que a banca lle debe a Galiza e é unha muller de firmeza nos principios, de capacidade infinita de traballo e no día a día sempre ten sorrisos, ilusión e ganas de facer. Yolanda é referente como deputada, como política e tamén como persoa.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Polo meu traballo estou moi perto das necesidades que hai en Galiza de atención á dependencia. Temos unha poboación envellecida e o Estado está deixando a responsabilidade da dependencia repousar como unha lousa nas costas das familias traballadoras e concretamente nas mulleres.

É fundamental propoñer a implementación dun sistema universal de atención á dependencia.

Como ve as opcións de En Común-Unidas Podemos na cita electoral?

Queremos acadar representación en cada provincia e ser parte fundamental do próximo goberno do Estado, no que Yolanda Díaz sexa ministra.

Ter unha deputada e unha senadora ou senador de En Común-Unidas Podemos esta lexislatura significa ter unha voz que fale por Ourense na Cortes

Con respecto á provincia de Ourense, imos saír a por todas. Ter unha deputada e unha senadora ou senador de En Común-Unidas Podemos esta lexislatura significa ter unha voz que fale por Ourense na Cortes. Significa tamén que sexa unha deputada que se comprometa a escoitar e a render contas. Que traballe incansabelmente para representar os intereses desta provincia. A xente debe lembralo, non son unhas eleccións presidenciais, son lexislativas, e escollemos deputadas e deputados, por iso é tan importante participar en clave de país e en clave de provincia.

Comentarios